AECOC premia o TFG dunha egresada da Escola de Enxeñería Industrial da UVigo

Vigo TecnolóxicoActualidadeAECOC premia o TFG dunha egresada da Escola de Enxeñería Industrial da UVigo

O traballo de Carlota Hernández García analiza os envases e embalaxes sostibles no comercio electrónico

Los envases y embalajes sostenibles en el comercio electrónico: un estudio de benchmarking en el sector del menaje é o título do Traballo Fin de Grao (TFG) co que a alumna do Grao en Enxeñería de Organización Industrial da Escola de Enxeñaría Industrial da UVigo, Carlota Hernández García, gañou o primeiro premio na categoría Supply Chain (Cadea de Subministro) da 9º edición dos Premios Académicos da Asociación Española de Codificación Comercial (AECOC). O traballo foi codirixido polos docentes e investigadores do Departamento de Organización de Empresas e Marketing da Escola de Enxeñaría Industrial, Jesús García Arca e Iván González Boubeta. “No TFG realízase un estudo de benchmarking (unha análise estratéxica profunda das mellores prácticas desenvolvidas por empresas do mesmo segmento) que consta de dúas partes: unha primeira que desenvolve un modelo de avaliación do envase e embalaxe no comercio electrónico, e unha segunda que aplica o modelo de avalación sobre unha mostra de 13 empresas do sector do menaxe en liña”, detalla Jesús García sobre o traballo de Carlota Hernández.

Os Premios Académicos de AECOC, que foron entregados nun acto celebrado en Madrid, recoñecen os mellores TFG e tamén Traballos Fin de Mestrado (TFM) do alumnado de universidades españolas relacionados con sector do consumo. Aos premios deste ano, que teñen unha dotación económica de 3.000 euros para as ou os autores e 1.000 para os titores, presentáronse preto de 200 candidaturas.

Con máis de 31.000 empresas asociadas, AECOC é unha das maiores asociacións empresariais de España, e a única que reúne a todos os axentes da cadea de valor, desde produtores e fabricantes, a operadores loxísticos e distribuidores.

Fonte: DUVI.