Aberto ata o 30 deste mes o prazo para presentarse aos premios GirlGeekCovid de fomento dos estudos STEM entre as mulleres

Vigo TecnolóxicoActualidadeAberto ata o 30 deste mes o prazo para presentarse aos premios GirlGeekCovid de fomento dos estudos STEM entre as mulleres

Estes premios foron impulsados pola UVigo e a Deputación de Pontevedra no marco da Cátedra de Feminismos 4.0

As mozas matriculadas na Universidade de Vigo no curso 2022/2023 en titulacións de grao ou mestrado das ramas de enxeñaría e arquitectura e de ciencias e ciencias da saúde dos campus de Pontevedra e Vigo poden optar aos premios GirlGeekCovid. Estes galardóns, impulsados pola UVigo e a Deputación de Pontevedra no marco da Cátedra de Feminismos 4.0, teñen como finalidade incentivar, apoiar e fomentar os estudos STEM entre as mulleres, que representan apenas o 25% do alumnado neste tipo de titulacións. En total, repartiranse 6000€ que se dividirán en dous premios de 2000€, un para a rama das ciencias e as ciencias da saúde e outro no eido da enxeñaría, e dous accésits de 1000€ en cada eido.

Impulsar a presenza de mozas en titulacións científicas e técnicas

Estes premios GirlGeekCovid naceron en 2020, como se recolle na convocatoria, nun contexto de crise derivada da covid, “que afecta en maior medida ás mulleres, a fin de promocionar e incentivar os estudos STEM, campo no que hai unha menor presenza de mulleres, pese á importancia estratéxica deste ámbito na nosa sociedade, o que pode redundar no incremento da fenda de xénero no futuro das novas xeracións”. A finalidade desta convocatoria é distinguir e poñer en valor o mellor aproveitamento académico das candidatas, ademais da súa motivación explícita nos estudos STEM. Por iso, para presentarse a estes premios é preciso que as alumnas estean matriculadas na Universidade de Vigo no curso 2022/2023 en 60 créditos en titulacións de grao ou mestrado oficial das ramas de enxeñaría ou ciencias dos campus de Pontevedra e Vigo. No caso das estudantes de grao, deben ter superados ata o curso 2021/2022 60 créditos da titulación na que se atopa matriculada e ter unha nota media do expediente de grao ata o curso 2021/2022 e de acceso aos estudos de mestrado igual ou superior a 7 nas titulacións da rama de enxeñaría e arquitectura; 8 nas titulacións da rama de ciencias e ciencias da saúde. Ademais, outro dos requisitos é non ter percibido este premio noutras convocatorias anteriores.

Solicitudes ata o 30 de setembro

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 30 deste mes de setembro. Xunto co formulario, as candidatas deberán presentar unha carta de motivación, na que amosen, por unha banda, as razóns que as levaron a optar por realizar estudos universitarios no ámbito das STEM e, por outra, onde reflexionen sobre a súa experiencia persoal como mulleres nun ámbito tradicionalmente masculinizado.

A comisión de avaliación encargada de estudar as diferentes candidaturas estará composta por Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade; Soledad Torres, investigadora do Grupo de Tecnoloxías Multimedia do centro de investigación atlanTTic e profesora da Escola de Enxeñería de Telecomunicación da UVigo; Lucía Muradas; xefa do Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra e Ana Isabel Amoedo, traballadora social adscrita ao Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra. A puntuación dependerá nun 80% da nota media do expediente en un 20% da carta de motivación.

 

Fonte: DUVI