Cintecx e atlanTTic participan no proxecto Facendo 4.0 liderado por Stellantis para deseñar o sector da automoción do futuro

Vigo TecnolóxicoActualidadeCintecx e atlanTTic participan no proxecto Facendo 4.0 liderado por Stellantis para deseñar o sector da automoción do futuro

Ademais dos grupos de investigación da UVigo, colaboran no proxecto o CTAG, Gradiant e Aimen co apoio do Programa da Fábrica Intelixente da Xunta de Galicia

Unha das empresas máis importante de Galicia, Stellantis Vigo, e catro centros de investigación de referencia, a Universidade de Vigo, o CTAG, Gradiant e Aimen, colaboran nunha iniciativa pioneira que busca contribuír a incrementar a competitividade e reforzar o tecido empresarial do sector da automoción de Galicia. Trátase do proxecto Facendo 4.0 (Competitividade Industrial e Electromobilidade a través da Innovación e a Transformación Dixital), que forma parte da cuarta convocatoria de axudas do Programa da Fábrica Intelixente da Xunta de Galicia, e conta cun orzamento de 22,3 millóns de euros, dos cales 12,2 corresponden a unha axuda da Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain).

A planta viguesa de Stellantis acolleu este mércores a presentación do proxecto nun acto que contou coa presenza, entre outros, de Ignacio Bueno, director de Stellantis Vigo; Francisco Conde, conselleiro de Economía, Empresa e Innovación e o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, xunto coa vicerreitora de Investigación, Belén Rubio. Asistiron tamén os representantes de Gain, Patricia Argerey; Aimen, Jesús Lago; Gradiant, Fernando Jiménez e CTAG, Luis Moreno.

Novas solucións tecnolóxicas para a automoción do futuro

Cun período de execución de 31 meses, Facendo 4.0 botou a andar en xaneiro deste ano e está previsto que conclúa en abril de 2023. A súa finalidade é avanzar na investigación de novas solucións tecnolóxicas para a fábrica do futuro, o vehículo do futuro e a conectividade, que, segundo Bueno, “permitirán situar a Stellantis Vigo na vangarda das últimas tecnoloxías e da eficiencia enerxética”. No que se refire á fábrica do futuro, o obxectivo é camiñar cara unha Green Factory “xerando coñecemento sobre procesos produtivos, flexibles, coa mínima pegada de carbono e para a fabricación de vehículos eléctricos”. No que atinxe aos vehículos, os socios traballan en novos sistemas e interfaces conectadas e intelixentes que permitan o desenvolvemento de innovadores produtos e dispositivos para as futuras gamas de vehículos eléctricos. Finalmente, en materia de conectividade e infraestrutura, IT, están a investigar e avaliar as tecnoloxías asociadas ao internet das cousas e o cloud para mellorar prestacións como a dispoñibilidade, a seguridade, a automatización e a axilidade.

A Universidade de Vigo, como explicaba a vicerreitora de Investigación no acto de presentación, conta con catro grupos de investigación implicados, por unha banda no deseño da fábrica ecoamigable ou Green Factory e, por outra, no Smart Conectivity. Rubio agarda “que sexa o primeiro de moitos proxectos que poidamos facer con Stellantis”, sobre todo tendo en conta que a Universidade conta con dous centros de investigación que traballan en tecnoloxía de telecomunicación e en enerxía, industria e procesos industriais, como son o atlanTTic e o Cintecx, vencellados ao Campus Vigo Tecnolóxico.

A UVigo, en catro liñas de traballo

A participación da Universidade de Vigo neste proxecto artéllase principalmente arredor do eixo da Fábrica Ecoamigable, eido no que se están a desenvolver tres liñas de traballo. Por unha banda, o Grupo de Tecnoloxía Enerxética (GTE) de Cintecx, coordinado por Jacobo Porteiro, colabora con Stellantis achegando solucións innovadoras para “sistemas máis eficientes, con melloras que sexan máis respectuosos coa contorna natural, camiñando cara unha empresa verde”, como destaca Rubio. Para que unha fábrica acade o selo Green Factory deben cumprirse unha serie de indicadores relacionados coa emisión de compostos volátiles, emisións de CO2, consumo de auga, xeración de residuos, contribución á biodiversidade, etc. Neste sentido, o obxectivo deste paquete de traballo é analizar a situación actual da planta viguesa e avaliar solución técnicas, que pasan, por exemplo, polo aproveitamento de recursos enerxéticos renovables locais, a redución do consumo eléctrico, a inxección de hidróxeno en puntos de consumo de gas natural para favorecer a descarbonización ou a identificación de focos de disipación de calor para mellorar a eficiencia.

O grupo Deseño e Simulación Numérica en Enxeñaría Mecánica, tamén do Cintecx, con Enrique Casarejos como investigador principal, traballa no eido do mantemento preditivo. O seu obxectivo é monitorizar o estado dos equipos mecánicos e analizar o consumo de potencia, así como diminuír fluxos de datos, o número e coste dos sensores e a complexidade das análises funcionais e de decisión. Para isto, desenvolven ensaios eléctricos e mecánicos en equipos de referencia, identifican defectos mecánicos e desviacións de comportamento de consumo, e realizan un modelado virtual capaz de reproducir as medidas de consumo.

Pola súa banda, o Grupo de Tecnoloxías da Información, GTI, enmarcado no atlanTTic e co profesor Felipe Gil á fronte, desenvolve estudos dentro do paquete de traballo relacionado coa conectividade, en concreto na automatización da xestión de recursos. O obxectivo é deseñar un sistema automatizado de asignación de recursos por slice de rede, crear múltiples redes virtuais sobre unha infraestrutura física compartida común, e dividir as arquitecturas de rede tradicionais en elementos virtuais vencellados a través de software. A idea, explica a vicerreitora, “é unificar as comunicacións entre a rede privada da fábrica e a pública. En definitiva, deseñar e desenvolver un sistema automatizado para asignar diferentes recursos por slice de rede”, en colaboración con Stellantis e Gradiant.

Finalmente, outro dos grupos implicado en Facendo 4.0 é o de Biotecnoloxía e Calidade en Industrias Agroalimentarias e Medio Ambiente do campus de Ourense, que desenvolve un estudo de microbiota.

Fonte: DUVI.