A UVigo participa no Foro Transfiere, o principal encontro de I+D+i no sur de Europa

Vigo TecnolóxicoActualidadeA UVigo participa no Foro Transfiere, o principal encontro de I+D+i no sur de Europa

O obxectivo foi compartir coñecemento, promover a innovación e conectar ciencia e empresa

A Universidade de Vigo, xunto co resto do tecido científico e investigador galego, participou esta semana en Málaga no Foro Transfiere 2022, o principal encontro de I+D+i no sur de Europa. A institución académica viguesa estivo presente neste evento nun espazo conxunto coordinado pola Axencia Galega de Innovación para todos os axentes do sistema galego de I+D+i, participando tamén en xornadas e conferencias relacionadas co mundo da innovación e a transferencia. A representación da UVigo no evento, que se celebrou os días 16 e 17 de febreiro, estivo a cargo de Alberto Rellán e Luz Eva Fernández Fernández, técnicos da Oficina de I+D da Universidade, e de Daniel Villanueva, director do Vigo Tecnolóxico, en nome da Vicerreitoría de Investigación.

Visibilizar de forma conxunta a I+D galega

Como explica Alberto Rellán, este é “un evento que serve de escaparate aos resultados e tecnoloxías desenvolvidas polos organismos de investigación nacionais co propósito de transferilos, estean protexidas ou non, á comunidade, principalmente ao sector industrial e empresarial”. Por este motivo, a Xunta de Galicia apostou por aglutinar nun único posto a I+D feita en Galicia para visibilizala de forma conxunta da man de GAIN. Ademais, súmanse á delegación galega startups incubadas ou aceleradas ao amparo das business factories e o fondo Ignicia-Proba de concepto, que participaron activamente nas mesas de networking.

A oferta da UVigo

A oferta científico-técnica da UVigo expúxose a través dunha plataforma de networking, que foi acompañada das explicacións do persoal técnico da UVigo aos visitantes amosando o detalle de cada unha das tecnoloxías e a súa aplicabilidade. Ademais, de xeito paralelo á feira, desenvolvéronse xornadas e conferencias relacionadas co mundo da innovación e a transferencia. Entre os participantes nestas actividades estivo Antón Vázquez, co-fundador da spin-off da UVigo Alén Space, que este xoves formou parte dunha mesa redonda sobre o papel e os retos da academia na transferencia do coñecemento, no que presentou o proxecto vigués como caso de éxito na transferencia de coñecemento dende as universidades.

Pola súa banda, Salvador Coll, vicerreitor de Innovación e Transferencia da Universitat Politècnica de València e presidente da RedOTRI, realizou unha presentación dos diferentes modelos de colaboración de innovación aberta. Entre as iniciativas presentadas como exemplo, Coll elixiu o proxecto Surfacorn do Cintecx da Universidade de Vigo, seleccionado dentro da convocatoria Ignicia 2022. O obxectivo desta investigación, liderada polo grupo de Enxeñaría Química-10, é levar ao mercado dous extractos biosurfactantes extraídos dos licores de lavado de millo para o seu uso na industria cosmética, farmacéutica e/ou agroquímica.

30.000 asistentes en dez anos

A décimo segunda edición deste foro internacional contou coa asistencia de máis de 370 expertos e expertas, 600 empresas e entidades representadas e profesionais de 45 países, todo arredor dun programa con máis de 130 actividades e conferencias.

Nas dez edicións anteriores, o foro reuniu máis de 30.000 profesionais, co obxectivo de poñer en común as principais iniciativas e estratexias de transferencia de coñecemento e investigación a nivel internacional, permitindo que os axentes do ecosistema de innovación establecesen contacto con potenciais socios, alianzas e sinerxías, así como dar a coñecer novos produtos, servizos e proxectos disruptivos.

Fonte: DUVI.