A UVigo e a multinacional Oesía asinan un convenio de colaboración para traballar en ciberseguridade e transformación dixital

Vigo TecnolóxicoActualidadeA UVigo e a multinacional Oesía asinan un convenio de colaboración para traballar en ciberseguridade e transformación dixital

O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o presidente executivo da multinacional española Oesía, Luis Furnells, asinaron este xoves un convenio de colaboración para a posta en marcha de actividades conxuntas de investigación e formación nos ámbitos das Tecnoloxías da Información e a Enxeñaría electrónica. Os sectores aos que se orienta esta colaboración son principalmente o aeroespacial, a seguridade e a defensa, os tres eidos nos que Oesía está especializada. “A nosa idea é pór en marcha toda unha serie de accións conxuntas que irán desde o desenvolvemento conxunto de proxectos de investigación ata outro tipo de actividades inspiradas nos diferentes valores que compartimos ambas institucións, incluíndo, por exemplo, a promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes”, tal e como subliñou o reitor, intres antes de proceder á sinatura do acordo.

“Esta colaboración ofrécenos múltiples oportunidades nos diferentes ámbitos nos que estamos a traballar”, subliñou Furnells. O presidente executivo de Oesía fixo especial referencia ao mundo da Radio Definida por Software (SDR) e as comunicacións sen fíos seguras, “un tema clave en contornas de alta esixencia, tanto militar como civil, e nos que España ten unha importante oportunidade de colaborar a nivel internacional”, en liña co traballo da firma que na actualidade está presente en máis de 20 países e conta con 16 sedes en España e América Latina –Colombia e Perú-.

En datas vindeiras asinaranse convenios máis específicos

“Para o Grupo Oesía é unha gran satisfacción asinar este acordo coa Universidade de Vigo, pois supón a confirmación da nosa aposta polo talento na comunidade de Galicia”, apuntou o responsable da empresa sobre unha alianza que se agarda axude a impulsar as oportunidades para o talento xerado pola universidade e, ao mesmo tempo, “reforzar as capacidades da compañía e do sector tecnolóxico en xeral”.

Con este acordo, que ten unha duración inicial de catro anos, ábrese tamén a porta a establecer novos procesos de colaboración, que serán obxecto de novos convenios de carácter xa máis específico, tanto con atlanTTic, centro de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, ou con Gradiant, o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia.

Máis información.