A UVigo celebra o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia rachando estereotipos e creando vocacións

Vigo TecnolóxicoActualidadeA UVigo celebra o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia rachando estereotipos e creando vocacións

Os obradoiros Elas fan Cientec foron os protagonistas das actividades en Vigo

Múltiples actividades co obxectivo de dar visibilidade ao traballo que levan a cabo día a día as tecnólogas e científicas e fomentar as vocacións entre as nenas e adolescentes. A Universidade de Vigo celebrou este venres o 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, co programa de obradoiros Elas fan Cientec no campus de Vigo e coa feira divulgativa eXXperimenta en Feminino, na cidade de Ourense. Son as dúas iniciativas máis visibles organizadas en torno a esta data e coas que a UVigo busca rachar estereotipos e crear vocacións. Unidas a elas, ao longo de todo o mes de febreiro preto de 40 investigadoras están a impartir en centros educativos de toda Galicia charlas sobre o seu traballo e, en xeral, sobre o papel da muller na ciencia e na tecnoloxía.

Todas as iniciativas son poucas para reverter a tendencia do baixo número de mulleres matriculadas nas denominadas carreiras STEM ou CTEM, siglas en inglés e español de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas. A día de hoxe na Universidade de Vigo a Escola de Enxeñaría Informática é o centro cunha menor porcentaxe de estudantado feminino, apenas un 15% do total de alumnado–incluíndo grao, mestrado e doutoramento- e a situación non é moito mellor en escolas como Enxeñaría de Telecomunicación -20% de alumnado feminino- ou Enxeñaría Industrial -25%-, onde hai titulacións como o Grao en Enxeñaría Mecánica no que a porcentaxe de alumnas apenas representa o 13% do alumnado.

200 mozas participan en Vigo nos obradoiros Elas fan Cientec

Organizados por docentes e investigadoras das diferentes escolas e facultades, e co apoio da Unidade de Cultura Científica e da Innovación e a Unidade de Igualdade, este ano participaron nos obradoiros de Elas fan Cientec 200 alumnas de 3º e 4º curso de Ensino Secundario Obrigatorio, tanto de Vigo cidade como da súa contorna. Para a inmensa maioría destas rapazas foi o seu primeiro contacto coa Universidade, unha institución que, tal e como se lles repetiu nas diferentes presentacións, estará encargada de recibilas en apenas un par de anos.

As escolas de enxeñaría do Campus Vigo Tecnolóxico ofreceron diversas actividades que involucraron ás rapazas de educación secundaria. 52 alumnas do IES de Valadares participaron nos obradoiros da Escola de Enxeñaría Industrial. Entre outras actividades, asistiron a un obradoiro de termografía infravermella no que puideron comprobar como estas tecnoloxías axudan, por exemplo, a previr incendios, a mellorar a eficiencia enerxética nos fogares ou a localizar seres vivos. Do mesmo xeito, asistiron a un taller sobre deseño e prototipado no que se achegaron ao software de deseño 3D e no que coñeceron máis de preto como se realizan os implantes que se empregan na cirurxía veterinaria. No caso da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, medio cento de alumnas do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño asistiron a un obradoiro de Lego Robotics e a un taller de programación con Scratch ou introducións á programación web e ao seu funcionamento. Pola súa banda, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía recibiu a 37 rapazas do IES do Castro, ofrecendo nos seus laboratorios a xincana Science Games: Catching Fire, o concurso grupal The Wall e talleres de física e astrofísica, de materiais e de minerais.

Fonte: DUVI.