Son 27 preguntas nas que se repasan as diferentes medidas que se foron implantando
Cinco anos despois de que a Univesidade de Vigo acadase a acreditación HR Excellence in Research Award da Comisión Europea en recoñecemento ao seu compromiso por adoptar os principios da Carta Europea para o persoal investigador e do Código de Conduta para a contratación, a Vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación acaba de lanzar unha enquisa coa que contrastar a opinión do persoal investigador e identificar as posibles oportunidades de mellora.
Son 27 preguntas nas que se repasan as diferentes medidas que se foron implantando e que, segundo se destaca desde a vicerreitoría, apenas leva uns minutos contestar, pero cuxos resultados serán de grande axuda para avaliar a opinión do persoal investigador e seguir mellorando na implantación dunha acreditación que busca mellorar o mercado de traballo europeo para as e os investigadores e que, “cada vez máis”, tense en conta polas axencias europeas de financiamento.
Do Comité de Ética ao Código de Boas Prácticas na Investigación
A enquisa forma parte da estratexia e do plan de acción 2019-2022 da UVigo en relación con este programa e nela repásanse as diferentes medidas que se foron implantando. Entre estas medidas destácase o deseño e implantación dunha nova estrutura para a ética na Universidade, a creación dun Código de Boas Prácticas na Investigación, a creación dun procedemento para a recepción de investigadores visitantes e, tamén, dun manual de benvida para novos investigadores. A maiores púxose en marcha a Unidade de Cultura Científica e organizáronse múltiples seminarios de formación en diferentes temáticas relacionadas coa carreira investigadora. Por outra banda, tal e como se lembra nalgunha das preguntas do cuestionario, a UVigo asociouse á European Open Science Cloud (EOSC) como parte da súa estratexia para promover a Ciencia Aberta e aprobouse unha normativa de contratación adaptada aos principios OTMR e a nova lei de contratación.
Ata o mércores 20 de xullo
O persoal docente e investigador pode participar na enquisa ata o vindeiro 20 de xullo.
Fonte: DUVI


