O equipo de Claudio Cameselle e persoal de investigación de dúas universidades exipcias crean un sistema ecolóxico e novidoso a partir dos residuos de plantas potabilizadoras
Investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo en colaboración con expertos das universidades exipcias de Damanhour e Alexandría, desenvolveron un novidoso e ecolóxico sistema para eliminar colorantes e pesticidas do auga de forma eficaz. A súa metodoloxía emprega desfeitos das plantas potabilizadoras e da industria alimentaria e cosmética para obter un absorbente a nanoescala capaz de reter sobre a superficie os contaminantes.
“O obxectivo é valorizar residuos de escaso valor e boas capacidades adsorbentes para eliminar contaminantes específicos das augas residuais. Ademais, búscase que o faga de maneira rápida e económica”, explica Claudio Cameselle, catedrático de Enxeñaría Química da Escola de Enxeñaría Industrial (EEI) e un dos investigadores principais do grupo Biotecnia (Biotecnoloxía Industrial e Enxeñaría Ambiental).
A investigación iniciouse a partir da estancia en Vigo dunha das investigadoras exipcias
O persoal de investigación vigués conta cunha gran experiencia no tratamento de augas residuais e esta iniciativa iniciouse a raíz da estadía en Vigo da investigadora Mai El-Kammah grazas a unha bolsa do Ministerio de Educación Exipcio para realizar a súa tese de doutoramento. Mai El-Kammah propuxo empregar os residuos das plantas potabilizadoras e os restos de sementes da planta Moringa olefeira, coa que se obtén un aceite para a industria alimentaria e cosmética, para a eliminación do índigo carmín e do tiametoxam, ámbolos dous contaminantes. O primeiro trátase dun colorante sintético catalogado como nocivo cando entra en contacto coa pel e os ollos, o cal ten un impacto importante na vida acuática e nos ecosistemas. O tiametoxam é un pesticida que foi prohibido na UE no 2018 porque supón unha ameaza grave para as abellas, pero aínda hai países que o permiten. O mesmo ocorre cos colorantes téxtiles. “O maior problema está en países en vías de desenvolvemento como Exipto. A nivel global, o problema máis importante atópase ao sur da India, onde hai zonas con gran presenza da industria téxtil na que os vertidos contaminan o medio ambiente e estase a buscar solución”, explica Cameselle.
Unha forma de darlle valor a residuos normalmente almacenados en vertedoiros
O equipo de investigación obtivo a partir do resto das sementes prensadas e dos residuos non perigosos xerados no tratamento de augas, unha especie de polvo a escala nanométrica capaz de reter ambos contaminantes. “Cando dividimos o material ata acadar un tamaño de nanopartículas, aparecen nel unhas propiedades que antes non tiña. Neste caso aproveitamos as propiedades de retención superficial que son moito mellores que o material a escala macroscópica”, detalla Cameselle.
De esta maneira, ademais de eliminar a contaminación da auga, conséguense valorizar uns residuos que actualmente non contan con ningunha utilidade. “No caso dos residuos das plantas de tratamento de augas, son sometidos a un tratamento para limpalos ou se depositan nun vertedoiro. Con esta metodoloxía, dámoslles utilidade e despois son sinxelos de tratar ou almacenar para ser degradados e que non dean problemas a longo prazo”, engade o catedrático.
Fonte: Faro de Vigo


