Os galardóns valoran traxectorias senlleiras e consolidadas en investigación desenvoltas en Galicia
A investigadora e docente da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo, Ángeles Sanromán Braga, recibirá o vindeiro 6 de outubro, data de celebración do Día da Ciencia en Galicia, a Medalla de Investigación 2022 da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), no campo das Ciencias Técnicas. A RAGC premiará tamén este ano á investigadora da UVigo Isabel Pastoriza Santos no eido da Química e a Xeoloxía, ademais dos científicos da USC Jesús López Romalde, Ramón Máiz Suárez e Jorge Mira Pérez, recoñecendo no caso dos cinco galardoados as traxectorias senlleiras e consolidadas en investigación desenvoltas en Galicia. Os galardóns subliñan ademais o fomento da promoción da ciencia e tecnoloxía galegas para tratar de difundir á sociedade o aprecio polos valores científicos. Na súa cuarta edición, o acto de entrega das Medallas de Investigación 2022 da RAGC desenvolverase no Colexio de Fonseca en Santiago de Compostela o 6 de outubro.
Ángeles Sanromán, medalla Isidro Parga Pondal na sección de Ciencias Técnicas
“Os seus extraordinarios méritos como investigadora no campo da Enxeñaría Química, a súa capacidade de formación de mozos investigadores e o impacto na contorna económico-social da transferencia dos seus resultados de investigación”, son os méritos que a sección de Ciencias Técnicas da RAGC recoñece á catedrática de Enxeñaría Química da UVigo Ángeles Sanromán (Cádiz, 1964) e polos que lle outorga a medalla Isidro Parga Pondal. “Para min este premio supón o recoñecemento a unha traxectoria profesional dedicada á aplicación da Enxeñaría Química en áreas como a Tecnoloxía Medioambiental e a Biotecnoloxía”, asegura Sanromán, que centra boa parte da súa actividade en eidos como o tratamento de efluentes, rexeneración de solos contaminados e tratamentos electroquímicos.
A catedrática da UVigo, que puxo en marcha o grupo de referencia internacional de Bioenxeñaría de procesos sostibles, Biosuv, vencellado ao Cintecx (Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da UVigo), considera o galardón “un recoñecemento para aqueles que no seu día apostaron por min e animáronme a tomar este camiño tan apaixonante. Por iso gustaríame compartilo cos que ao longo da miña traxectoria foron uníndose ao grupo Biosuv na UVigo e especialmente coa miña familia”. Ángeles Sanromán participou en máis de 50 proxectos de investigación e na elaboración de sete patentes internacionais, ademais de formar parte do reducido grupo de investigadoras e investigadores incluídos na clasificación dos máis citados da Universidade de Stanford.
Outras medallas para a UVigo e a USC
A relación de galardoados este ano pola RAGC complétase coa medalla Antonio Casares na sección de Química e Xeoloxía para Isabel Pastoriza, Profesora titular no Departamento de Química física tamén da UVigo. A ela únese o recoñecemento ao labor dos científicos da USC Jesús López Romalde, Ramón Máiz Suárez e Jorge Mira Pérez, que recibirán as medallas Ángeles Alvariño da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde; a medalla Domingo García-Sabell Rivas da sección de Ciencias Económicas e Sociais e a medalla Enrique Vidal Abascal da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación, respectivamente.
Fonte: DUVI.


