A Escola de Enxeñaría Industrial acolleu un evento centrado nas tecnoloxías XR no sector industrial

Vigo TecnolóxicoActualidadeA Escola de Enxeñaría Industrial acolleu un evento centrado nas tecnoloxías XR no sector industrial

A xornada achegou as claves da aplicación da realidade aumentada, a virtual e a mixta nos procesos industriais

A Escola de Enxeñaría Industrial da UVigo acolleu este venres o seminario “Aplicando tecnoloxías XR na industria de forma sostible”, un encontro que afondou no potencial para o sector industrial das tecnoloxías emerxentes. O evento puxo o foco nas tecnoloxías XR, que engloban a realidade virtual, aumentada e mixta, cun peso cada vez máis destacado na transformación do tecido industrial cara un escenario 4.0 onde se están xerando múltiples procesos de automatización, dixitalización, aplicación de intelixencia artificial ou conectividade. Impartido por Arsoft, empresa especializada no uso da realidade virtual e aumentada, o encontro contou coa participación doutras compañías con experiencia no uso de tecnoloxías XR nos seus procesos industriais, como Sonovision, Navantia e Cidaut.

O encargado de dar a benvida foi Juan Pardo Froján, director da EEI, que agradeceu a colaboración das empresas na celebración deste evento e recalcou o compromiso do centro para achegar as novas tecnoloxías, coñecementos e avances á súa comunidade universitaria. “Temos ante nós grandes retos e tamén grandes oportunidades” e, nese contexto, subliñou a importancia de introducir estas novas tecnoloxías como ferramentas para mellorar os resultados da aprendizaxe e tamén para a súa aplicación no eido da investigación e a innovación, “dada a estreita relación que a escola ten co tecido empresarial”.

Realidade virtual, realidade aumentada e realidade mixta

A primeira parte da xornada centrouse nas tecnoloxías XR e as súas aplicacións, da man de Santiago González, CEO de Arsoft. O responsable da empresa comezou por explicar que as tecnoloxías de realidade estendida (tecnoloxías XR polas súas siglas en inglés) son todas aquelas que crean contornas e obxectos xerados por ordenador e permiten unha experiencia inmersiva mediante a cal as persoas usuarias se mergullan nun mundo virtual ou interactúan cunha extensión deste.

Dentro deste concepto englóbanse a realidade virtual, a realidade aumentada e a realidade mixta. A primeira ofrece unha inmersión completa nun mundo virtual mediante o uso de gafas que non permiten ver a contorna que está arredor. A realidade aumentada, pola súa banda, “é todo o contrario”, explicaba González, xa que permite a visualización de capas virtuais superpostas sobre o mundo real mediante un dispositivo móbil ou unhas gafas. Por exemplo, grazas a esta tecnoloxía, apuntaba, “podería ver a todas as persoas da sala co seu perfil de Linkedin superposto”, é dicir, “segues vendo a realidade pero con información virtual que a complementa”. Finalmente, a realidade mixta implica “ir un paso máis aló, un avance da tecnoloxía de realidade aumentada”, na que os elementos virtuais están perfectamente integrados na contorna e permiten interactuar. Por exemplo, explicaba, “podería estar dentro dun avión e as gafas estarían recoñecendo o avión e explicando determinados procesos”. Estas tecnoloxías, engadía, “están avanzando moi rápido e mesmo estanse deseñando lentes de contacto con pixels integrados para empregar en lugar das gafas”.

Aplicacións na industria

O responsable de Arsoft tamén explicou as utilidades e aplicacións de cada unha destas tres tecnoloxías no eido industrial. Así, a realidade virtual está moi presente na industria e emprégase para adestramento, capacitación e formación “pola cantidade de cartos que aforran as empresas” ao non ter que desprazar formadores nin material, como prototipos de vehículos ou maquinaria, para formar aos técnicos nos diferentes procesos. Tamén se usa para a monitorización remota, xa que cunhas gafas, explicaba González, “eu podería camiñar por unha planta industrial e ver en tempo real como está funcionando”.

No que se refire á aplicación da realidade aumentada, as vantaxes radican en que permite ter acceso á información de forma instantánea, situando datos sobre os obxectos reais de forma que se poida aumentar a información sobre eles. Un caso de uso común, destacaba, é a asistencia técnica remota aos operarios ou o acceso á documentación técnica dunha máquina ou proceso, “que é cara a onde vai camiñando a industria, non imos ter manuais en pdf, senón en realidade aumentada de modo que calquera os poida entender”.

A realidade mixta está empregándose en procesos de inspección, nos que as gafas ademais permiten rexistrar información en tempo real, “sen ter que anotar en papel que, por desgraza, é o estado actual das cousas na maioría das industrias”. Tamén se emprega no deseño avanzado, xa que permite situar en espazos reais prototipos de maquinaria, estacións de robots, etc. para comprobar na fase de deseño a configuración final.

Fonte: DUVI.