En 1920 asinouse o real decreto que define por primeira vez a titulación. O director do centro destaca o impacto na sociedade que tivo o seu desenvolvemento.
A conmemoración destes cen anos de historia supón unha oportunidade, apunta Íñigo Cuiñas, para pór de relevo como a enxeñaría de telecomunicación “estivo en todas as grandes revolucións tecnolóxicas do último século que foron motor dos cambios sociais e de forma de vida”.
A inicial exclusividade territorial desta titulación, detalla Íñigo Cuiñas, foise perdendo cos anos “xa que pasamos de ser tres escolas en España a máis de 50” pero “gañouse proxección no ámbito da investigación e na innovación, as ligazóns internacionais e o impulso a proxectos que son realidades, como o centro tecnolóxico Gradiant, moitas empresas e iniciativas tecnolóxicas e proxectos europeos”. No camiño, salienta, “houbo fitos de gran transcendencia, como pode ser a posta en órbita do primeiro cubesat universitario en España, o Xatcobeo, co impacto que isto tivo non xa na sociedade senón tamén na propia industria galega. Na actualidade, a Universidade de Vigo é a cuarta das universidades ibéricas no Ránking de Shanghai na categoría Telecomunicación e está no top 200 mundial na mesma, o que dá idea da capacidade e potencial da nosa escola e dos seus cadros docente e investigador”, pon en valor o director da EE de Telecomunicación.
Sobre o futuro da titulación homenaxeada e do sector, Íñigo Cuiñas albisca como a enxeñaría de Telecomunicación “está nunha encrucillada, nun momento de decisión, de novo impulso”. O reto, subliña, “é seguir a achegar innovacións e propostas tecnolóxicas que fagan evolucionar á sociedade como o fixo neste século”. Na actualidade, detalla o responsable académico, “estamos a piques dunha nova revolución nas comunicacións: móbiles con moi baixa latencia e con moi alta capacidade de transmisión de datos; realidade virtual e aumentada; asistentes capaces de analizar un número masivo de datos; sistemas capaces de procesar sinais de imaxe e son que garantan a nosa seguridade, o mundo cuántico…”. Neste escenario, indica por último, “hai elementos do futuro inmediato, outros a medio prazo, pero a enxeñaría de telecomunicación está posicionada para estar unha vez máis no cambio tecnolóxico e social do futuro próximo”.


