A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación homenaxea o profesor José María Pousada tras 30 anos dedicado á enxeñaría

Vigo TecnolóxicoActualidadeA Escola de Enxeñaría de Telecomunicación homenaxea o profesor José María Pousada tras 30 anos dedicado á enxeñaría

Cun acto agarimoso celebrado o mércores 24 con motivo da súa xubilación

Tras 30 anos dedicado á docencia, á investigación e á xestión na Universidade de Vigo, o profesor José María Pousada despediuse a comezos deste curso da vida profesional activa. Este mércores os seus colegas quixeron darlle unha agarimosa despedida nun acto interno do centro no que lle agradeceron o seu traballo e esforzo para poñer á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (EET) entre as mellores escolas de telecomunicación de España.

Ante as e os seus colegas, algúns deles antigos alumnos seus, fixo un repaso pola súa traxectoria profesional que o levou a ser director da ETT durante dúas lexislaturas e director do Centro Universitario da Defensa de Marín, dende a súa posta en marcha ata o pasado ano. O balance de todos estes anos “ten que ser claramente positivo, porque a Universidade doume a oportunidade de medrar profesionalmente”, pero marcha coa mágoa de que non exista unha figura legal que lle permita seguir colaborando co seu centro, algo que xa existe noutras universidades para o persoal que se xubila.

Un enxeñeiro, en maiúsculas

Neste acto, a actual directora da ETT, Rebeca Díaz, realizou un percorrido pola carreira profesional de Pousada remarcando algúns fitos importantes, por exemplo, no eido da investigación. Destacou que estivo implicado en múltiples iniciativas que “revertían á sociedade os traballos de tecnoloxía que se aplicaban na escola”, como un dispositivo que inhibía as frecuencias dos móbiles cando se comeza a xeneralizar o seu uso ou unha pulseira de protección para as mulleres vítimas da violencia de xénero. Da súa época como director, destacou a posta en marcha do Curso 0 ou a construción da segunda fase do centro. A directora quixo tamén desexarlle, nesta nova etapa, unha vida xubilosa e lembroulle que “esta sempre será a túa casa e sempre serás benvido”.

O director do Departamento de Enxeñaría Telemática, Luis Anido, tamén quixo agradecer “o entusiasmo e paixón” de Pousada, que foi o seu profesor de Informática na propia EET. Remarcou que representa o “significado da palabra enxeñeiro como maiúsculas” e lembrou que “dende o principio tivo moi clara a vinculación que a Universidade ten que ter coa sociedade”, sempre moi ligado coa transferencia do coñecemento, algo que se plasmaba “na calidade da súa docencia e da súa investigación”. Porén, Anido laiouse de que cando Pousada deixou o CUD en 2020 “o seu talento non fose aproveitado doutro xeito” pola institución académica, xa que “unha persoa con esa traxectoria e esa bagaxe tiña moito que achegar á Universidade”. O feito de non ter sido así, continuaba, “repercute no seu beneficio persoal porque agora está gozando dun período ben merecido de descanso”.

Adaptar as titulacións para captar alumnado

Nestes 30 anos Pousada puido ver como evolucionou a EE de Telecomunicación, por exemplo, dende o punto de vista de equipamento. “Non ten nada que ver a escola do ano 91 coa que temos en 2021; hoxe en día, penso que está entre as cinco primeiras de España”. Pero se houbo un aspecto no que o cambio foi substancia é do alumnado, un tema que considera prioritario e problemático. “Se non me falla a memoria chegamos a ter preto de 2.500 alumnos nos primeiros anos deste século, alá polo 2003 ou 2004 e agora mesmo paréceme que non chegamos a 1.000 alumnos. Ese é o problema grave”. Recoñece que se ben a baixa natalidade en Galicia é un factor, non é a única causa. “A oferta de títulos seguramente non é a máis axeitada, e ese non é un problema só do profesorado, senón tamén da política da Universidade cando se acordan novas titulacións que se reparten con criterios máis políticos que técnicos”, sostén o docente. Outro dos retos é o escenario cambiante que xeran as novas tecnoloxías como o 5G ou a intelixencia artificial, un escenario que, precisamente, “require axilidade para ofertar novos títulos que leven da man esas novas tecnoloxías”.

Fonte: DUVI.