A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación estreita lazos con Exipto

Vigo TecnolóxicoActualidadeA Escola de Enxeñaría de Telecomunicación estreita lazos con Exipto

O centro acolle este ano seis estudantes exipcios de grao, mestrado e doutoramento

Ademais do alumnado procedente de distintos países europeos, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación acolle este curso a seis estudantes exipcios procedentes da Beni Suef University e da Arab Academy for Science, Technology and Maritime Transport, que chegaron a Vigo ao abeiro dun proxecto dirixido pola directora da escola, Rebeca Díaz, e financiado polo programa Erasmus + KA107 de mobilidade internacional. Son estudantes de grao, mestrado e doutoramento e pasarán en Vigo un total de cinco meses.

“Este é o segundo proxecto de mobilidade extracomunitaria que temos coas mesmas universidades e, tras a boa experiencia do primeiro, restrinxido naquel caso a mobilidades de doutoramento e docentes, nesta ocasión decidimos abrilo tamén a niveis de grao e mestrado”, explica a directora da escola, ao que engade que a estes alumnos sumaranse dous docentes, un de cada unha das universidades participantes. No outro sentido da mobilidade, de Vigo cara Exipto, hai un estudante vigués participando no programa e a previsión é que sexan catro os docentes da UVigo que se despracen a Exipto.

Traballos co-dirixidos por docentes vigueses e exipcios

Neste grupo de seis estudantes hai alumnos cursando algunha materia de últimos cursos do grao con docencia en inglés (Bachelor Degree in Telecommunication Technologies Engineering, BTTE) pero, maioritariamente, están realizando os seus traballos de fin de titulación (grao e mestrado), co-dirixidos por docentes exipcios e docentes da EET. “Entendemos que isto permitirá reforzar lazos de cooperación docente e investigadora entre os nosos docentes e os das universidades exipcias”, recalca Díaz. “Esperamos tamén que a experiencia destes estudantes sexa moi positiva, e que consigamos ampliar o número de estudantes que decidan facer unha estancia na EET na vindeira edición deste proxecto, que solicitamos este mesmo ano, pero que aínda non está resolta”, apunta a directora.

Como consecuencia das mobilidades do primeiro proxecto (2017-2019), o programa de doutoramento Doc-Tic recibiu varios estudantes exipcios que optaron por realizar en Vigo a súa tese de doutoramento, fóra xa do propio programa de intercambio, financiados directamente polas súas universidades ou por eles mesmos. “Na miña opinión calquera intercambio é unha experiencia enriquecedora para os que recibimos a estas persoas e tamén para as persoas que viaxan”, considera a directora da escola, firme defensora de que “este tipo de experiencias permiten desfacer por si soas prexuízos culturais e académicos”.

Fonte: DUVI.