A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación celebra a 36 edición do Simposio Nacional da URSI

Vigo TecnolóxicoActualidadeA Escola de Enxeñaría de Telecomunicación celebra a 36 edición do Simposio Nacional da URSI

Ao longo desta semana convertirá a Vigo na sede virtual do evento nacional con máis tradición na investigación en TIC

O Simposio Nacional da Unión Científica Internacional de Radio, URSI, estase a celebrar de maneira virtual do 20 ao 24 de setembro baixo a organización da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (ETT) da Universidade de Vigo. Trátase do foro de referencia para a comunidade investigadora e tecnóloga de universidades e empresas do sector TIC, que se celebrou por primeira vez en Vigo en 1990 nos primeiros anos da ETT e regresa 31 anos despois ao Campus Remoto da Universidade por mor da situación sanitaria.

Con 200 persoas inscritas e un programa que inclúe 160 relatorios, catro conferencias invitadas e unha mesa redonda, no encontro participan representantes de todas as universidades españolas con escolas de Enxeñaría de Telecomunicación e de todas aquelas que teñen área de Teoría do Sinal e Comunicacións. A cita será “toda unha oportunidade para amosar o desenvolvemento da Universidade de Vigo no ámbito das tecnoloxías para a docencia en liña”, tal e como explicaron os catedráticos do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións e investigadores de atlanTTic, Antonio Pino e Íñigo Cuiñas, co-presidentes do comité organizador. A inauguración do evento estivo presidida polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, que deu as grazas e os parabéns ao comité polo traballo realizado, e contou tamén coa participación de Francisco Medina, catedrático da Universidade de Sevilla, presidente de URSI España.

“A pesar da situación actual e as incertezas que supón, queremos que non se perda a cadencia anual do simposio, tan importante para establecer sinerxías entre os grupos de investigación do noso ámbito, e que é especialmente valioso como actividade de formación da mocidade investigadora”, salientaron dende a organización. Cuiñas engadiu que “este simposio é probablemente o evento nacional con máis tradición na investigación en Enxeñaría de Telecomunicación, polo menos no que atinxe ás antenas, propagación de ondas, sistemas de comunicación, etc”. O obxectivo é dispoñer dunha plataforma na que debater, intercambiar experiencias e proporcionar posibilidades de colaboración entre os distintos grupos de traballo en áreas TIC da enxeñaría e as ciencias experimentais.

Diversidade de sesións para abordar as múltiples aplicacións das TIC

A conferencia inaugural do encontro foi impartida o luns 20 por José Ángel Martínez-Lorenzo, enxeñeiro e doutor pola Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo e agora profesor da Northeastern University de Boston nos Estados Unidos. Martínez-Lorenzo afoundou en temáticas relacionadas coa detección de imaxes do subsolo a gran velocidade empregando a teoría da información en 4D e a fusión de campos de ondas termoacústicas, electromagnéticas e acústicas/sísmicas.

Para o resto de sesións plenarias contarase tamén con profesionais de recoñecido prestixio a nivel internacional. O martes 21 será Nuria Llombart, da Universidade Técnica de Delft, un dos centros de ensinanza superior máis importantes dos Países Baixos, a encargada de falar sobre o desenvolvemento de sensores e comunicacións de alta velocidade utilizando tecnoloxía THz. O mércores 22 celebrarase a mesa redonda Investigación máis aló da Universidade, para contar o xoves 23 coa intervención de Marta Martínez-Vázquez sobre diferentes consideracións de deseño para radares automotrices MMICS. A última conferencia plenaria será o venres 24 e correrá a cargo de Rafael SF Caldeirinha, do Instituto Politécnico de Leiria, que se centrará na propagación de ondas de radio en incendios forestais.

As múltiples aplicacións das TICs en enxeñaría biomédica, cuestións relacionadas coa xeolocalización, as comunicacións por satélite, a caracterización electromagnética dos materiais, antenas, as comunicacións móbiles e sen fíos ou a innovación docente en titulacións TIC son algúns dos temas sobre os que se van presentar traballos de investigación ao longo de toda esta semana.

Fonte: DUVI.