A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación cede un laboratorio á asociación Clean Energy Ship-UVigo

Vigo TecnolóxicoEscola Enxeñería TelecomunicaciónA Escola de Enxeñaría de Telecomunicación cede un laboratorio á asociación Clean Energy Ship-UVigo

O novo espazo exterior facilitará os traballos de construción do seu barco solar

A asociación CES-UVigo (Clean Energy Ship-UVigo), integrada por unha decena de estudantes de enxeñaría, sobre todo da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (EET), levan meses compatibilizando os estudos coa construción do seu propio barco solar. A partir de agora contarán cun novo espazo no que poder traballar, un taller-laboratorio cedido pola EET con capacidade suficiente para aloxar a embarcación e todos os materiais e ferramentas necesarias para a súa posta a punto. O espazo está ademais localizado no aparcadoiro da escola, o que facilita os traslados para as probas en auga.

“A asociación contaba xa cun espazo dentro da escola para poder traballar nos aspectos que non requiren de uso directo da estrutura do barco, que seguirá á súa disposición. Con este contedor-laboratorio complementamos os lugares de traballo, especialmente agora que a estrutura xa está construída”, subliña a directora da escola, Rebeca Díaz, recalcando a importancia de que o equipo conte cun sitio axeitado no que traballar con comodidade. “O proceso de deseño e fabricación dun barco é longo e difícil, máis para nós, xa que se trata da nosa primeira embarcación”, explica Roi Martínez, responsable de Márketing do equipo, que sinala a Energy Boat Challange 2022 de Mónaco como estreo oficial estimado para a embarcación.

O novo taller-laboratorio é un contedor marítimo de aceiro reacondicionado. As súas medidas son 12 metros de longo; 2,43 metros de ancho e 2,89 metros de alto. “Son estruturas fabricadas para resistir moitos meses no mar, polo que unicamente foi preciso facer algunhas comprobacións antes de pintalo”, explica a directora da escola. A idea é equipalo agora co material preciso para poder facilitar o traballo, aínda que para aspectos que non requiran da manipulación no barco (probas previas dos sistemas de control, por exemplo) seguirase traballando nos espazos habilitados dentro da EET.

Un trimarán de seis metros de longo completamente autónomo

A embarcación que están a construír é un trimarán de seis metros de longo, dous e medio de ancho e arredor de 110 kg. Está pensado para funcionar a grandes velocidades e formado por unha peza principal e dúas laterais máis pequenas, que achegan estabilidade ao conxunto. No casco central sitúanse o motor, as baterías e o habitáculo para o piloto.

Construído xa o casco –os traballos arrancaron no verán de 2020- o equipo está agora centrado no desenvolvemento da parte enerxética da embarcación, “ensamblaxe de placas, conexión de sistemas electrónicos e implementación do sistema eléctrico”, e na fabricación dos foils, “as pezas claves que permitirán á embarcación elevarse sobre a auga, reducindo o rozamento e aumentando a eficiencia eléctrica”, explica Roi Martínez. O próximo obxectivo será probar a resposta do barco na auga, sen as placas solares. “Para iso cargaremos as baterías en terra e botaremos a embarcación para comprobar que todos os sistemas funcionan como tiñamos planeado”, ao que engade que cando todo estea axustado instalaranse as placas e o barco será totalmente autónomo.

Na procura de novos integrantes

Coincidindo co arranque do novo curso, a asociación CES-UVigo, orixinada a través dunha proposta do fundador da empresa Marine Instruments, atópase en pleno proceso de captación de alumnado. “Somos un equipo multidisciplinar, hai cabida para calquera membro da comunidade universitaria”, explica Martínez, salientando que o que move ao equipo é “a motivación, o entusiasmo e as ganas”, polo que máis aló de persoas con coñecementos de enxeñaría, o que precisan é que teñan “ganas de traballar e demostrar o que valen”. Neste momento a maioría dos integrantes son alumnas e alumnos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, e contan só con dous integrantes da Escola de Enxeñería Industrial. Agora, con esta ampliación, agardan que se incremente o número de integrantes doutras escolas, e incluso dalgún grao non relacionado coas enxeñarías (marketing, organización de empresas…) que lles dean un maior valor como equipo. As persoas interesadas en unirse ao equipo deben cubrir, antes do vindeiro 5 de outubro, o formulario que teñen na súa web.

Embaixadores da EET

Desde a dirección da escola valoran de xeito moi positivo a participación do seu alumnado neste tipo de proxectos que lles permiten levar á práctica en diferentes ámbitos a formación de base que adquiren ao longo dos seus estudos no centro. “Para nós é un orgullo poder colaborar con estas asociacións como entidade patrocinadora”, salienta Díaz, quen lembra que ademais da asociación CES-UVigo, a escola colabora activamente con outros grupos de estudantes, incluíndo UVigo SpaceLab (deseño e fabricación de pequenos satélites); UVigo Motorsport (monopraza de competición); IEEE Students Branch, rama de estudantes do Institute of Electrical and Electronics Engineers (IEEE) da UVigo; a Asociación de Retórica, o Foro Tecnolóxico de Emprego, así como a propia Delegación de Alumnado, que é transversal a todas elas. “Estas asociacións son embaixadoras da nosa escola, así como da propia Universidade de Vigo e outros centros, e a súa actividade permite visualizar a versatilidade da formación que reciben na EET, así como ámbitos de aplicación diferentes aos habituais co que se nos relaciona”, salienta a directora da escola.

Fonte: DUVI.