A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía estrea a revista “Minerxía” para darse a coñecer dentro e fóra da UVigo

Vigo TecnolóxicoActualidadeA Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía estrea a revista “Minerxía” para darse a coñecer dentro e fóra da UVigo

A publicación resume as actividades desenvoltas ao longo do curso académico

A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía (EEME) buscaba “algo novo, fresco e visual que permitise resumir todas as actividades que organizamos e tamén nas que participamos durante todo o curso académico”, afirma Santiago Pozo Antonio, subdirector e coordinador de Divulgación do centro. Grazas ao traballo da dirección da Escola, persoal docente e de investigación, esa meta materializouse na recentemente estreada revista Minerxía. A publicación consta de 20 páxinas e difúndese “fundamentalmente en formato dixital, pero tamén imprimimos algúns exemplares para ter dispoñibles na Escola e enviar a institucións que colaboran con nós”. O obxectivo de Minerxía é que a comunidade universitaria, así como os centros educativos (colexios, IES e centros de formación profesional) e o público en xeral, coñezan as actividades que durante o curso se desenvolven na Escola.

Docencia, investigación, mobilidade, divulgación científica, cultura, deporte, formación académica extracurricular e igualdade, son as seccións nas que se distribúe a información en Minerxía. Así mesmo, no seu primeiro número engádese un apartado sobre a necesidade de profesionais dedicados ao mundo da enerxía e á xestión de recursos minerais, “para acadar unha sociedade aliñada cos obxectivos da Axenda 2030, e desta maneira garantir o acceso universal aos servizos dunha enerxía segura, sostible e moderna”, sinala Pozo.

Traballo en equipo para unha publicación anual ou cuadrimestral

A redacción de Minexía correu a cargo da directora da Escola, Elena Alonso Prieto, o propio Santiago Pozo e a axudante de divulgación, que neste curso académico foi Carmen Figueira Sánchez, estudante do Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos. “Ademais, moita xente da Escola participou nesta iniciativa, xa que foi preciso a participación de moitos dos investigadores e investigadoras para redactar o apartado de Investigación. Foi un camiño longo, pero sen dúbida cun moi bo resultado”, asegura o subdirector e coordinador de Divulgación do centro.

Aínda que a revista nace con periodicidade anual, os seus promotores non descartan que se poida chegar a  publicar con periodicidade cuadrimestral.

Fonte: DUVI.