O venres 30 de setembro as principais cidades galegas acollerán máis de 70 actividades
Por segundo ano consecutivo, as rúas, museos, bares e praias das grandes urbes galegas converteranse en punto de encontro do traballo que desenvolven as e os científicos coa sociedade, que terá a oportunidade, de un xeito lúdico, accesible e gratuíto, de participar en obradoiros, paseos, visitas guiadas, charlas e espectáculos. Trátase da segunda edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras (G-Night), iniciativa da UE financiada por Marie Sklodowska Curie Actions e coordinada en Galicia pola UVigo, quen lidera un consorcio formado por unha decena de socios entre os que se atopan as universidades de Santiago de Compostela e A Coruña, a Xunta de Galicia, o Muncyt, o Museo Nacional de Ciencia y Tecnología e os Museos científicos coruñeses. O evento, que involucrará a 400 persoas entre persoal científico e técnico, terá lugar o vindeiro venres 30 de setembro e contará con máis de 70 actividades de divulgación, lecer e entretemento científico que se desenvolverán nunha trintena de localizacións, espalladas polas sete principais cidades galegas (Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo), así como en preto de 400 cidades europeas.
Expo-feira, paseo científico, relatorios e ciencia no bar en Vigo
A praza do Berbés será o epicentro das actividades da G-Night en Vigo, que se celebrarán tamén no edificio Redeiras, no café Vitruvia e no Porto. Entre as 18.00 e as 21.00 horas a praza do Berbés acollerá a expo-feira científica, organizada pola UVigo e o Instituto Español de Oceanografía (IEO), na que se situarán unha ducia de postos nos que integrantes de grupos de investigación de ambas institucións achegarán os seus coñecementos ao público. Descobre connosco a vida do solo; Xeotecnoloxías aplicadas; Achégate ás telecomunicacións; Que son as nanocousas?; Ecobas Quiz; Os minerais como testemuñas da historia; Constrúe unha dobre hélice de ADN; Nanopartículas plasmónicas: un arco da vella metálico; Microplásticos no medio mariño e Un arco da vella baixo o mar, son as actividades que se desenvolverán en Vigo, nas que participarán, entre outros, as escolas de enxeñaría e centros de investigación do Vigo Tecnolóxico (EEME, EEI, EET, atlanTTiC e Cintecx) e o alumnado da UVigo responsable dos proxectos UVigo SpaceLab e UVigo Motorsport.
O edificio Redeiras, pola súa banda, acollerá desde as 18.00 horas cinco charlas e un coloquio nos que as aplicacións das matemáticas, a prevención das inundacións ou as linguas e a tecnoloxía serán as cuestións protagonistas. Entre as 18.00 e as 19.00 horas o público asistente poderá seguir en directo as charlas do CITMaga, que se celebran en Santiago de Compostela e nas que as investigadoras e investigadores da USC María José Ginzo, María Isabel Borrajo e Tomas Otero ofrecerán cadansúa charlas: As matemáticas unha ferramenta para a loita contra os incendios forestais; A estatística e o azar nas probas da Covid-19; e Cantos buracos ten unha camiseta?. A partir das 19.00 desenvolveranse dúas charlas en directo no edificio Redeiras, Fomento da cooperación na prevención de inundacións en concas fluviais a cargo de Juan Vidal, do departamento de Estatística e investigación operativa da UVigo, e Atúns fantásticos e onde atopalos de Sara Recondo, investigadora predoutoral da UDC. Ás 19.45 comezará unha charla-coloquio na que os investigadores Inmaculada Anaya do Grupo en gramática, discurso e sociedades e Miguel Cuevas de LVTC, ambos da UVigo, amosarán as achegas do coñecemento lingüístico nos ámbitos da tecnoloxía e a empresa.
Pola súa banda, entre as 20.30 e as 22.00 horas no café Vitruvia desenvolveranse tres charlas dirixidas especialmente a público adulto e nas que os investigadores e investigadoras da UVigo Adreu Blanco (CIM), Elena Alonso (Cintecx) e Victor Hernando (CIM) abordarán a protección dos mares, o papel dos recursos minerais na descarbonización e dixitalización da economía e os microorganismos degradadores de plásticos. As actividades da G-Night en Vigo complétanse cos tres paseos científicos que o persoal do grupo de investigación Geoma realizará a bordo da embarcación de prospección Inndaga, e nos que unha ducia de persoas poderá coñecer as técnicas de prospección e investigación oceanográfica. Os paseos dunha hora de duración comezarán ás 16.00 horas, con saída desde o porto de Vigo e as prazas xa están completas.
Fonte e máis información sobre as actividades noutras cidades: DUVI.


