A celebración de San Xosé, patrón da Escola de Enxeñaría Industrial, regresa a Torrecedeira

Vigo TecnolóxicoActualidadeA celebración de San Xosé, patrón da Escola de Enxeñaría Industrial, regresa a Torrecedeira

En 2020 a pandemia obrigou a suspender o acto e en 2021 tivo lugar no campus

Tras dous anos nos que a pandemia non o permitiu, a celebración do patrón da Escola de Enxeñaría Industrial (EEI) da Universidade de Vigo regresou á súa sede e data habitual. O acto institucional tivo lugar este xoves no paraninfo do centro en Torrecedeira, nunha demostración de recuperación case total da normalidade. Deste xeito, despois de ter que suspender o acto en 2020 e atrasalo ao mes de xuño en 2021, cando se celebrou na sede do campus, a EEI recupera o acto tradicional no que se rende homenaxe á comunidade educativa.

Todas as titulacións con selos EUR-ACE

O director da escola, Juan Pardo Froján, abordou no seu discurso tanto o presente como o futuro inmediato da EEI, facendo especial fincapé nos procesos de acreditación para a obtención dos selos internacionais EUR-ACE das titulacións de grao do ámbito industrial. “Cando iniciei a miña etapa, un dos obxectivos que nos marcamos era obter estes selos para todas a nosas titulacións de grao”, lembraba, e no ano 2021 rematou a 2ª fase do proceso “e acadamos este obxectivo, a pesar das dificultades engadidas que supuxo facer unha parte deste proceso nun período marcado pola pandemia. Este feito requiriu un maior esforzo para poder culminar o obxectivo con éxito”. No transcurso do acto, Pardo tamén recibiu de mans do director da Área de Calidade, Joaquín Collazo, o selo de calidade da Universidade de Vigo para a EEI con motivo da certificación do sistema de xestión da calidade de acordo co programa Fides-Audit.

Respecto da oferta académica do centro, Pardo lembrou que este ano graduarase a primeira promoción de Enxeñaría Biomédica e agradeceu a colaboración do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo para sacar adiante con éxito esta titulación, “unha grande aposta para a nosa escola”. Tamén avanzou que o vindeiro curso está previsto que a escola estree dúas novas titulacións: o Grao en Automoción con mención Dual e o Mestrado en Enxeñaría Biomédica e “seguimos a traballar para que a partir de 2023-2024 se incorporen novas titulacións de mestrado dentro do estudo G2030 e para contar con mestrados en Vehículos Autónomos e en Fabricación Aditiva”.

Conferencia institucional

A conferencia institucional correu a cargo de Bibiana Rodiño, directora xeral de Beta Implants, empresa dedicada ao deseño e fabricación de implantes para traumatoloxía, ortopedia e neurocirurxía veterinaria, coa que a Universidade de Vigo mantén varias liñas de colaboración. Rodiño, egresada da EEI na especialidade de Enxeñaría Mecánica, detallou a evolución deste proxecto, que arrancou en 2013, ata converterse na actualidade nun referente de excelencia empresarial no eido da bioenxeñaría.

Recoñecementos

Unha das citas tradicionais deste evento de celebración do patrón da EEI é a entrega de recoñecementos, un xeito de “poñer en valor os labores docentes e investigadores, así como tamén o papel destacado que desempeña o noso persoal de administración e servizos nun centro das nosas dimensións”. O director recalcaba que “todos os recoñecementos son moi importantes” pero quixo resaltar especialmente os que se outorgan ás mozas e mozos investigadores aos que lles foi concedida unha axuda predoutoral nalgunha das convocatorias do Ministerio, Xunta ou Universidade, como clave para reter o talento.

O recoñecemento aos investigadores e investigadoras novas foi para Moisés Cordeiro, Antía Fernández, Iria González, Andrés Justo, Javier Grandío, Raúl Barciela e Sofía Suárez. Os docentes mellor valorados polo alumnado foron Emilio Estévez, Javier Martínez, Miguel Ángel Gómez, Joaquín Collazo, Alba López, Gema Álvarez e Carlos Garrido. O PAS distinguido foi Mª del Sol Amorín, Julia Mencía e Mª Jesús Rodríguez. Finalmente, tamén recibiron un recoñecemento as e os docentes que compren 30 anos de antigüidade na escola: o vicerreitor José Luis Míguez; Manuel Ángel Prieto, José Carlos Troncoso, Juan José Rodríguez, María del Carmen Pérez, Jorge Cerqueiro, Antonio Collazo, Xosé Manuel López, Antonio Fernández, José Fernando Manzanedo, Bernardino Novo, Mª Elena Albo, Amador Rodríguez, José Ignacio Armesto, Mª Emma Delgado, Alejandro Pereira e José Luis Diéguez. Ademais, tamén se fixo un recoñecemento ao alumnado do centro polo seu esforzo e capacidade de adaptación nestes dous últimos anos marcados pola pandemia.

Fonte: DUVI.