O evento terá lugar o vindeiro 25 de marzo no Edificio CITEXVI do campus de Vigo
Baixo o título “A innovación tecnolóxica e a súa importancia na competitividade da industria”, a Cátedra Telefónica e a Universidade de Vigo propoñen o I Encontro Ágora o vindeiro 25 de marzo. Enmarcado no programa Espazos de Innovación, o evento celebrarase no Edificio CITEXVI do campus de Vigo e analizará o grao de dixitalización actual na industria galega, reflexionará sobre o futuro da innovación industrial e permitirá debater sobre o papel das tecnoloxías emerxentes na industria e a sociedade actual.
A xornada iniciarase cunha mesa de benvida denominada “A industria como un entorno dixital e competitivo”, que contará coa presenza de Francisco Conde, Vicepresidente segundo e Conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia; Manuel Reigosa, rector da Universidade de Vigo; Manuel Ángel Alonso, director xeral de Telefónica Norte e Ignacio Bueno, Director de Stellantis Vigo. As aportacións sobre a dixitalización e innovación tecnolóxica na transformación das empresas estarán moderadas por Mónica Valderrama, vicerreitora de comunicación e relacións institucionais da Universidade de Vigo.
A continuación, darase paso á Mesa 2 de participación e debate sobre a innovación industrial e o seu futuro, na que persoal experto e autoridades do eido da universidade, goberno e empresa, acompañados dun pequeno grupo de invitados institucionais, de prensa, e da academia, reflexionarán sobre os avances tecnolóxicos e as súas implicacións sociais. Participarán neste debate Mar Pereira, directora de AMTEGA; Paula Beirán, directora de Telefónica en Galicia e Asturias; Juan José Areal, responsable de Proxectos de Innovación de Stellantis-Vigo; Rebeca Díaz Redondo, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo; Carlos Prado, Profesor Catedrático da Escola de Enxeñaría Industrial da UVigo; e Luis Álvarez-Sestelo, CEO Optare Solutions, que estará a cargo da moderación.
Tras un descanso, a xornada continuará coa presentación da Cátedra Telefónica-UVigo da man de José Cidrás, director da Cátedra Espazos de Innovación, que estará acompañado de Felipe Gil Castiñeria, profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo; Guillermo Fernández Sánchez, alumno de Enxeñaría Industrial e Martina Páramos, alumna de Enxeñaría de Telecomunicación.
Finalmente, a Mesa 3 abordará a presentación de proxectos centrados nas tecnoloxías e a innovación aplicadas á prevención de incendios forestais. Baixo a moderación de José Manuel González, da Consellería de Medio Ambiente, participarán José González Vázquez, Conselleiro do Medio Rural da Xunta de Galicia; Juan Picos e Julia Armesto, da Escola de Enxeñaría Forestal da UVigo; e Fernando Aguado e Verónica Santalla, da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo.
Fonte: Cátedra Telefónica-UVigo.


