A 8ª edición das Xornadas de Automatización Industrial (JAI) contará cun número récord de firmas participantes e conferencias

Vigo TecnolóxicoActualidadeA 8ª edición das Xornadas de Automatización Industrial (JAI) contará cun número récord de firmas participantes e conferencias

Celebraranse do 14 ao 18 de novembro na EEI retornando a presencialidade

As Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial recuperarán na súa 8ª edición o formato presencial, logo da súa celebración en modo virtual no ano 2020. A cita terá lugar entre o 14 e o 18 de novembro na Escola de Enxeñaría Industrial da UVigo, ofrecendo un programa de relatorios que fomente a interacción entre profesionais e estudantes, segundo explicou José Ignacio Armesto, coordinador das xornadas e docente e investigador da UVigo.

A 8ª edición das JAI, que xa colgou o cartel de “cheo” a 10 meses da celebración do evento, estará marcada ademais pola consecución de novos récords en canto ao número de firmas participantes e conferencias, así como pola incorporación de novidades no seu programa coa celebración de mesas redondas e unha gran exposición robótica. “As cifras son as mellores acadadas ata hoxe nunha edición presencial. E é que falamos dun programa con máis de 40 conferencias, catro mesas redondas e máis de 30 firmas “partner” participando, todas elas multinacionais de recoñecido prestixio no sector. Sen esquecer o acto de apertura, que contará cun programa adicional de catro relatorios de auténtico luxo”, detalla Armesto.

Mesas redondas, exposición robótica e postos físicos e virtuais

Entre as novidades que as JAI’2022 incorporan ao seu programa destacan unha serie de mesas redondas, xurdidas a raíz de varios eventos organizados nos últimos anos en colaboración con ISA España e AER Automation. Nas catro mesas redondas que se celebrarán en sesión de tarde participarán un máximo de seis persoas: dous representantes de firmas, outros tantos de usuarios finais que utilizan con éxito nas súas empresas solucións relacionadas coa temática tratada, e unha persoa moderadora. “En canto ás temáticas, pode ser calquera relacionada coa Industria 4.0, como por exemplo ciberseguridade, dixitalización, edge/cloud computing, robótica colaborativa ou condition monitoring”, enumera o coordinador das JAI.

Por outra banda, a 8ª edición das JAI acollerá “a gran exposición robótica que non puidemos facer no acto oficial de apertura da edición dixital, pero vitaminada”, avanza Armesto. Polo que respecta ao Showroom Industrial 4.0, a situación actual non permite organizar este ano un similar ao de 2018 con máis de 30 expositores simultáneos durante toda a semana, “pero si intentaremos ofrecer unha versión reducida con sete ou oito postos nos que as firmas que participan en cada sesión terán a oportunidade de presentar o seus produtos”. Así mesmo, manterase a oferta de postos virtuais, que xa se utilizaron no portal das Digital JAI’2020.

O maior reto

Logo de sete edicións presenciais e unha virtual, o maior reto que enfrontan as JAI é “que haxa audiencia no salón de actos da Escola de Enxeñería Industrial. Un programa tan denso e extenso de relatorios ao longo de toda a semana é algo complexo de manexar e entendo que, tanto para o alumnado como para os docentes e profesionais das empresas, é difícil de atender”. Armesto destaca o esforzo que están a realizar as firmas participantes, que se desprazan desde diversos puntos do país e mesmo desde Europa e cita a modo de anécdota, “que creo que pode axudar a facerse unha idea da súa relevancia, é que unha das máis recoñecidas feiras do sector, a SPS de Nüremberg, fixouse no que facemos e posiblemente este ano veñan a visitarnos. A min paréceme algo do que estar máis que orgulloso”, afirma o coordinador das xornadas.

Fonte: DUVI.