O satélite Humsat-D da Agrupación Aeroespacial da UVigo segue activo oito anos despois de ser lanzado ao espazo

Vigo TecnolóxicoActualidadeO satélite Humsat-D da Agrupación Aeroespacial da UVigo segue activo oito anos despois de ser lanzado ao espazo

O 21 de novembro de 2013, o foguete DNPER era lanzado desde o cosmódromo ruso de Yansy ao espazo, co satélite Humsat-D no seu interior. Desenvolvido ao abeiro do programa Basic Space Tecnology Initiative (BSTI) da Oficina de Espazo da ONU, e co apoio da Oficina de educación da Axencia Espacial Europea (ESA) e do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA), Humsat-D foi deseñado, construído e operado polos integrantes da Agrupación Aeroespacial da UVigo, coordinada polos docentes e investigadores Fernando Aguado e José Antonio Vilán. O segundo cubesat que estudantes e docentes da UVigo lanzaban ao espazo, logo da posta en órbita de Xatcobeo o 13 de febreiro de 2012, tiña prevista unha vida útil de seis meses, pero finalmente foi operado durante case un ano. “En 2014, durante un pase de comunicacións, os enxeñeiros encargados da operación do satélite deixaron de recibir as retransmisión de Humsat-D. Na órbita seguinte, puidemos comprobar que o satélite volvía a transmitir en modo survival, pero ao día seguinte deixou de responder aos comandos e non volveu transmitir”, rememora Fernando Aguado. Tras dous meses sen recibir novas transmisións, considerouse que “o satélite estaba non operativo”, unha circunstancia á que tamén contribuíu o feito de que durante 2014 se produciu unha actividade solar moi importante que pode afectar aos satélites, asumíndoo como posible razón da interrupción da transmisión, explica o docente e investigador do centro atlanTTic da UVigo.

Non obstante, sete anos e 44.707 órbitas á Terra despois da que se pensaba fora a súa derradeira transmisión, un radioafeccionado captaba hai uns días unha transmisión que resultou ser do satélite da UVigo. “Hai uns días, a través dun contacto que realizou un radioafeccionado mediante unha rede social a SpaceLab preguntando o estado de Humsat-D, puidemos confirmar que o satélite estaba activo. O sinal recibido é sen dúbida o de Humsat-D”, confirma Aguado, ao que engade que “recibir transmisións oito anos despois do seu lanzamento é algo totalmente inusual neste tipo de satélites”. Nestes últimos días o sinal de Humsat-D, que se atopa a unha altura de 615 quilómetros, foi recibido na estación que se atopa na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo, e tamén por parte de numerosos radioafeccionados en todo o mundo, incluída a rede de seguimento de satélites que operan na banda de radioafeccionados Satnogs.

Humsat-D foi creado co obxectivo de ser o demostrador dun servizo de comunicacións punto a punto en aberto na banda de radioafeccionados, que permitiu comprobar que en pequenos satélites era posible prover un servizo coñecido hoxe como Internet das Cousas (IoT), unha tecnoloxía que, mellorada, se incluiría nos satélites Serpens e Lume da Uvigo, e, cuxa transferencia foi realizada a posteriori pola spin-off Alen Space, que actualmente a comercializa a nivel mundial.

Recuperar a telemetría para saber que pasou

Unha vez restablecido o contacto con Humsat-D, os e as integrantes da Agrupación Aeroespacial están a traballar na recuperación, tanto do software, coma do hardware utilizado hai oito anos, xa que os novos satélites utilizan outros equipos e cómpre volver a montar unha nova estación de comando. “Esperamos poder poñela en funcionamento para, non só recibir datos de forma pasiva, senón tamén para intentar comandar o satélite e recuperar o rexistro do satélite e mensaxes de erro que, eventualmente, puideran darnos una pista do que sucedeu xustamente antes de pararse a comunicación”, explica o coordinador da Agrupación Aeroespacial da UVigo, que lembra que Humsat-D foi deseñado dunha forma moi similar a Xatcobeo, cunha mestura de subsistemas con compoñentes comerciais estándar (COTS) e outros, como o computador desenvolvido polo INTA, que incluía elementos específicos para misións espaciais protexidos para a radiación.

Fonte: DUVI.