Fronte ao que moita xente cre, o formigón non é un material de construción moderno. O seu uso xa era habitual no Imperio Romano hai 2000 anos e foi empregado, por exemplo, nos muros interiores do Coliseo ou do Panteón. Durante a Idade Media caeu en desuso, e non foi ata pasados varios séculos, durante a industrialización, cando se volveu xeneralizar. Unha das principais claves da recuperación deste material foi a invención do formigón pretensado, en 1928, por parte de Eugène Freyssinet. O avance deste enxeñeiro francés supuxo un gran salto no uso de formigón en elementos de grandes dimensións e conseguiu a utilización industrial masiva desta técnica.
A biografía máis detallada deste persoeiro foi escrita e publicada en 1978 polo tamén enxeñeiro, ademais de humanista e profesor, José Antonio Fernández-Ordóñez. Precisamente, esta é a obra recomendada por reseñas24, a iniciativa de fomento da lectura organizada polo persoal da biblioteca de Torrecedeira. O encargado da selección deste libro como proposta para os meses de febreiro e marzo é José Carlos Caamaño Martínez, profesor do Departamento Enxeñaría dos materiais, mecánica aplicada e construción da UVigo. O docente achega unha recensión sobre este volume, que foi descatalogado pouco tempo despois da súa publicación, e acabou por converterse nun obxecto de coleccionista, un libro de culto para moitos enxeñeiros.
Unha idea que revolucionou a arte da construción
Na recensión de Caamaño sobre o libro de Fernández-Ordóñez repásase a evolución histórica do uso do formigón e de todas as súas variantes, así como o impacto que tivo o formigón pretensado no avance da construción tanto a nivel mundial como en España. “Esta técnica permite construír estruturas que cobren grandes distancias entre apoios, como poden ser: pontes en canles de ríos caudalosos, grandes vales en paisaxes montañosos, ou amplas distancias en vías que salvan accidentes costeiros mariños. Ademais, o pretensado mellora con elegancia solucións a problemas de grandes cubertas, conseguindo aumentar a separación entre pilares intermedios. Tamén resulta útil no caso de depósitos nos que debe garantirse a súa estanquidade, evitando o risco de fugas por fisuras no formigón”.
Fonte: DUVI.


