A Universidade de Vigo lidera un consorcio de 15 socios financiado polo programa Horizonte 2020
A pasada fin de semana tivo lugar na cidade italiana de Padua a terceira xuntanza xeral do proxecto rurAllure, unha iniciativa liderada pola Universidade de Vigo que conta con 3 millóns de euros de orzamento no marco do programa Horizonte 2020, e que ten por obxectivo divulgar e poñer en valor o patrimonio rural que rodea as grandes vías e itinerarios de peregrinación de Europa. Na reunión participaron os quince socios do proxecto, que abranguen grupos de investigación de universidades, empresas, institucións públicas e museos de ata seis países (España, Italia, Portugal, Noruega, Hungría e Eslovaquia), entre os que se encontra o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da UVigo (atlanTTic).
A iniciativa analiza como as rutas de peregrinación europeas poden contribuír á recuperación do turismo post-covid. Tal e como explica o equipo de investigación, representado no caso da UVigo por Martín López Nores, investigador de atlanTTic e coordinador do proxecto, e Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia, en xeral o impacto das peregrinacións queda exclusivamente limitado aos lugares por onde discorren os camiños, sen que este pulo turístico afecte ás contornas rurais que rodean estas vías. O proxecto rurAllure busca precisamente dar a coñecer o patrimonio cultural situado preto das grandes rutas de peregrinación de Europa a través de ferramentas tecnolóxicas e estratexias de innovación, ampliando as experiencias dos peregrinos que discorren por elas e achegándolles a oferta cultural das áreas rurais próximas. Esta meta artéllase a través de catro proxectos piloto que compoñen a súa área de investigación: o patrimonio literario do Camiño de Santiago; os lugares termais de orixe etrusco e romano ao longo das tres rutas que conducen a Roma (Via Francigena, Via Romea Germanica e Via Romea Strata); o patrimonio etnográfico da rede escandinava de San Olaf; e a riqueza natural da Ruta Mariana que atravesa Europa do leste e os Balcáns, entre Hungría, Eslovaquia e Transilvania.
Baixo estas catro liñas, a iniciativa está traballando na creación de contidos multimedia que se ofrecerán aos peregrinos antes, durante e despois da viaxe, así como no deseño de medios de promoción adecuados ás necesidades de cada rexión. Todo isto acompáñase dunha plataforma tecnolóxica, xa en fase beta, que permitirá aos catro proxectos piloto a xestión de contido, así como aplicacións móbiles centradas en descubrir os recursos da contorna, e facilitar o transporte ás cidades e pobos e o regreso á ruta principal, ou en atopar aloxamento ou lugares onde comer. O que se busca, explican, é que os peregrinos decidan tomar un descanso ou un desvío e pasar algún tempo nas vilas ou cidades próximas á ruta.
Fonte: DUVI.


