14 empresas retan ao alumnado da UVigo a resolver retos reais de innovación no programa Colmea de Ideas

Vigo TecnolóxicoActualidade14 empresas retan ao alumnado da UVigo a resolver retos reais de innovación no programa Colmea de Ideas

A primeira edición do programa Colmea de Ideas aglutina a 14 empresas que poñen sobre a mesa 15 retos reais de innovación que deben resolver alumnas e alumnos da UVigo a través dos seus traballos fin de grao e fin de mestrado. Trátase dunha iniciativa posta en marcha polas vicerreitorías de Estudantes e Investigación co obxectivo de canalizar os desafíos que empresas e institucións lle propoñen á Universidade, e facilitar que o alumnado desenvolva proxectos que poidan ofrecer solucións innovadoras adaptadas ás necesidades do mercado.

O programa presentouse este mércores nun acto en liña no que se contou coa participación da vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, e a directora da Área de Emprego e Emprendemento, Maruxa Álvarez, así como representantes de todas as empresas coas que bota a andar o programa e numerosos docentes. A vicerreitora fixo fincapé no potencial da oportunidade para a apertura de portas a nivel laboral ao alumnado.

Os perfís máis demandados son os tecnolóxicos

As propostas de traballos son moi variadas, “dende o sector da saúde e a biotecnoloxía, ao eido da automatización, industrialización ou aplicación da axenda 2030”, explicou a directora da Área de Emprego, quen destacou que algunhas entidades propoñen incluso a creación de novos modelos de negocio. Os perfís máis demandados son os das titulacións tecnolóxicas, sobre todo as enxeñarías, pero os retos relacionados co ámbito científico tamén teñen un lugar destacado.

15 retos: da biotecnoloxía ao lanzamento dun Rural Lab

Zendal, Spica Sistemas Audiovisuales, PanelShip, HTA High Tech Auto Incubadora, Davmac, ZZinKLab, Welgood, Somos Terra, Kauman, Montajes Fiver SL, CZ Vaccines, Fidelia e as fundacións Roberto Rivas e Ronsel completan a listaxe de empresas participantes nesta primeira edición do programa.

A única empresa que formula dous retos é CZ Vaccines, centrados na mellora da mobilidade dos traballadores do polígono de Torneiros, nas Gándaras de Porriño, e na creación dun sistema de detección do nivel máximo de liberación de toxinas e de avaliación da súa evolución. Pola banda da Fundación Roberto Rivas proponse un estudo de viabilidade para a creación dun Rural Lab nas comarcas do interior de Galicia que resulte atractivo para a mocidade, mentres que a spin-off da Universidade de Vigo Somos Terra busca candidatos para deseñar un plan de acción para pór en marcha iniciativas encamiñadas ao cumprimento dalgún dos 17 ODS da Axenda 2030. No caso da Fundación Ronsel orientan o seu reto á creación dunha aplicación que sirva para que as persoas emprendedoras poidan validar unha idea de negocio.

O desafío de Spica Sistemas Audiovisuales é o desenvolvemento dunha plataforma de votación híbrida con acceso securizado e, no caso de Panelship, buscan a optimización dalgún dos materiais usados na fabricación de produtos da empresa. Pensando especificamente na cidade de Vigo, a empresa Wellgood empregará a Colmea de Ideas para apoiarlles na implementación de códigos que permitan a integración dun sistema de vending de compra/reserva de produtos co sistema de abono en aparcamentos específicos da cidade olívica.

Desde Davmac propoñen darlle forma a unha nova idea de negocio que dea solución automatizadas e robotizadas, e desde Fidelia, firma ourensá especializada na administración de comunidades de propietarios e tramitación de subvencións, formula a creación dun sistema de arquivo intelixente que permita automatizar as descargas en carpetas de documentación adxunta ao correo electrónico. Tamén para o ámbito tecnolóxico a incubadora automovilística HTA busca o desenvolvemento de novos xeitos de aplicar as diferentes tecnoloxías da mobilidade ao sector da automoción e as súas empresas auxiliares.

Dos retos máis globais propóñense outros máis concretos como é o caso de Kauman, que formula a creación dun sistema de limpeza dos moldes metálicos de vulcanización que se utilizan comunmente para a fabricación de produtos de goma, ou da empresa de montaxes Fiver SL, que busca unha nova liña de produción baseada no deseño, fabricación e venda de produtos estandarizados realizados en metal. Por parte de ZZinKLab, gustaríalles conseguir solucións innovadoras na mellora do coidado do fogar con capacidade de irromper no mercado de gran consumo non food e aliñadas co negocio de Zelnova, principalmente dentro das liñas estratéxicas de ambientación, hixienización, desinfección, insecticidas e coidado persoal.

Candidaturas ata o 18 de febreiro

O alumnado ten de prazo para presentar as súas candidaturas ata o 18 de febreiro e a publicación do alumnado seleccionado realizarase o 4 de marzo.

Fonte: DUVI.