4 destas iniciativas pertencen a alumnado do Campus Vigo Tecnolóxico
A Universidade de Vigo celebrou este xoves o acto de entrega da X edición das Axudas INCUVI-Emprende, VI de INCUVI-Avanza e II de INCUVI-Consolida, tres convocatorias coas que a institución académica viguesa busca apoiar o emprendemento do alumnado para levar a cabo as súas ideas de negocio. O evento puxo en valor as 17 iniciativas premiadas, das que 12 se atopan no seu desenvolvemento máis básico recoñecido pola modalidade INCUVI-Emprende. Pola súa banda, INCUVI-Avanza premiou a 4 proxectos cun certo nivel de maduración e finalmente INCUVI-Consolida recoñeceu un proxecto xa constituído que pasou polos programas Emprende e Avanza, para que poida seguir recibindo mentorización e unha axuda económica que lle facilite a súa consolidación empresarial.
A directora da Área de Emprego e Emprendemento da UVigo, Maruxa Álvarez, destacou no acto a alta calidade das iniciativas, subliñando que “tanto as temáticas dos proxectos propostos como os perfís das persoas que os promoven son moi variadas e este factor vai ser unha grande aposta de valor para o programa, do que sen dúbida todas as persoas participantes se van a ver beneficiadas”.
INCUVI-Emprende e INCUVI-Avanza no Campus Vigo Tecnolóxico
Dende o Campus Vigo Tecnolóxico na modalidade INCUVI-Emprende foi recoñecido un proxecto de catro alumnos do Grao en Enxeñaría Biomédica que propoñen un sistema que facilitaría a detección precoz de infeccións en dispositivos implantables visibles por viraxe de cor. Unido a este, premiouse tamén unha iniciativa do Grao en Enxeñaría da Enerxía que aposta pola eólica mariña sobre batea.
Cun grao máis de maduración, os premios INCUVI-Avanza recoñeceron no Campus Vigo Tecnolóxico a Navia3D, unha iniciativa cultural que xurdiu da unión entre a arqueóloga Rita Pérez e o enxeñeiro Simón Fernández, e que persegue salvar distancias entre patrimonio histórico, cultura e tecnoloxía (fotogrametría, deseño e impresión 3D, prototipos virtuais e físicos, cursos formativos e divulgativos, etc.). Na mesma liña premiouse a Vi&Go, impulsada por Marta Álvarez, Ignacio Iglesias e Adrián Marnotes, proxecto que ofrece aos seus posibles clientes unha subscrición a unha rede de carga e intercambio de baterías de motocicletas eléctricas, tanto de uso particular como profesional.
Fonte: DUVI.


