Dar a coñecer e proxectar a investigación máis aló dos laboratorios e achegala á sociedade. A divulgación é unha das funcións fundamentais das universidades, xunto coa docencia e a I+D, e a Unidade de Cultura Científica e da Innovación da UVigo (UCC+i) quere implicar ao PDI nestas tarefas. Así, no marco do seu plan anual de actividades Ciencia de Ida e Volta apoiado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) do Ministerio de Ciencia e Innovación, organiza a primeira edición do concurso de vídeos Youtubers científicos. O obxectivo é que as persoas participantes elaboren un vídeo dunha duración máxima de dous minutos no que expliquen o seu traballo ou calquera outro contido científico dunha forma divulgativa e amena.
O que se pretende dende a UCC+i con este certame é darlle visibilidade ao traballo investigador ao tempo que se forma ao PDI en temas de divulgación e comunicación social da ciencia. O único requisito para participar é ser persoal investigador da UVigo. Os vídeos deberán estar en formato mp4 e gravados en horizontal e poden presentarse tanto en galego como en castelán. No que respecta ao contido, poden versar sobre investigacións, proxectos ou contidos científicos ou tecnolóxicos e, para enriquecelos, os investigadores poden empregar elementos como ilustracións, gráficos, animacións, etc. que axuden a captar a atención da audiencia. As propostas deberán enviarse antes do 17 de febreiro a ucc@uvigo.gal.
Premios do xurado e do público
O concurso comprende dous premios, outorgados polo xurado e polo público, e consistentes nun lote de produtos de iniciación no vídeo blogging valorado en arredor de 100€.
No que se refire ao primeiro galardón, o xurado estará composto por persoas vinculadas á comunicación, divulgación, investigación ou educación, que basearán a súa decisión en tres aspectos dos traballos presentados: o carácter divulgativo do contido, a creatividade do formato e a calidade técnica do vídeo. Pola banda do premio do público, os vídeos subiranse á canle de YouTube da UCC+i e será a peza que acade máis ‘gústame’ a gañadora. As votacións estarán abertas entre o 18 e o 24 de febreiro. Ámbolos dous fallos anunciaranse o 25 de febreiro do 2022.
Curso formativo
Enmarcada neste concurso, a UCC+i deseñou unha formación para o persoal investigador da UVigo baseada no curso en liña Claves para o vídeo divulgativo perfecto, que será impartido por Clara García Gorro, bioquímica, doutora en neurociencia pola Universidade de Barcelona e creadora da canle de YouTube Cerebrotes. O obradoiro terá lugar os días 26 e 27 de xaneiro e o prazo de inscrición está aberto ata o día 24 de xaneiro.
Fonte: DUVI.


