A proposta da UCC+i conta, por primeira vez, con financiamento da FECYT
Despois das dificultades, cambios e cancelacións do 2020, este curso regresarán, e con forza, as actividades de divulgación científica e ciencia cidadá á Universidade de Vigo. As vicerreitoras de Investigación, Belén Rubio, e Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, presentaron este luns no edificio Redeiras o programa “Ciencia de ida e volta”, o plan anual de actividades para o curso 2021-2022 da Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da UVigo. Como explicaron, estas accións supoñen un regreso á presencialidade co obxectivo de promocionar e difundir a cultura científica, tecnolóxica e a innovación entre os diferentes axentes sociais: estudantado, comunidade universitaria e cidadanía, en xeral. Para iso, levaranse a cabo actividades que porán en valor e difundirán as investigacións que se realizan desde a universidade e que serán unha canle de comunicación accesible e activa que sirva de aproximación entre as partes.
Ciencia circular
O programa leva o nome de “Ciencia de ida e volta” porque, como explicaba a vicerreitora de Investigación, representa “o movemento circular da ciencia, como as investigacións que facemos nas universidades chegan á sociedade e, ao contrario, como a sociedade nos propón novos retos e ideas, ou incluso, nos demanda novos aspectos sobre os que precisa ter máis coñecemento”.
As actividades levaranse a cabo entre este mes de decembro e o de xuño de 2022 nos tres campus. O programa anual ten un orzamento de 91.000 euros, que proceden principalmente de fondos propios da UVigo e dunha achega da FECYT de 18.000 euros. De feito, como recalcaban as vicerreitoras, esta é a primeira que unha proposta da UCC+i acada este tipo de financiamento que representa unha “cuestión reputacional e de prestixio”.
A finalidade do programa, explicaba Belén Rubio, é “chegar a todo tipo de público, tanto escolares como mozos e mozas e persoas maiores, pero tamén á nosa propia comunidade universitaria”, xa que entre outras propostas, haberá accións formativas para mellorar as súas capacidades de comunicación e divulgación dos proxectos que desenvolven nos seus grupos de investigación.
Sete meses de eventos e actividades
As vicerreitoras foron as encargadas de ir relatando todo o programa de accións deseñadas ao abeiro de “Ciencia de ida e volta”, que se estenderán ata finais da primavera. Comezarán cun curso de formación para persoal investigador, abarcando a continuación a exposición itinerante 100 lunas cuadradas, un concurso de vídeos científicos, actividades en coordinación coa Unidade de Igualdade co gallo do 11F, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, a feira científica “A ciencia que vén”, ou eventos relacionados co Día Mundial da Saúde, 7 de abril, e o Día Mundial dos Océanos, 8 de xuño. O obxectivo é que este amplo programa marque “un antes e un despois na divulgación que se fai na Universidade de Vigo”, como destacaba a vicerreitora de Investigación. As actividades, a medidas que teñan as datas de celebración pechadas, poderanse consultar na web da UCC+i.
Fonte: DUVI.


