A voceira da Comisión de Transformación Dixital visitou o centro coa vicerreitora de Investigación
A deputada socialista e docente investigadora do Departamento de Fundamentos da análise económica e historia e institucións económicas da UVigo, Ángeles Marra, visitou as instalacións do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación atlanTTic. Acompañada pola vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, o director do centro, Martín Llamas, e o investigador Felipe Gil, a tamén voceira socialista da Comisión de Asuntos Económicos e Transformación Dixital no Congreso tivo ocasión de presenciar varias demostracións que permiten coñecer os avances que achega o 5G na redes de comunicacións móbiles.
“As redes 5G achegan comunicacións radio máis veloces, pero ademais aparecen novas arquitecturas e tecnoloxías que supoñen un avance máis relevante”, destacou o persoal de investigación de atlanTTic. Citaron exemplos como a virtualización dos compoñentes da rede, o que facilita a súa adaptación ás necesidades instantáneas de comunicación. “Isto permite”, explicaron Llamas e Gil, “que a mesma rede sexa capaz simultaneamente de soportar comunicacións masivas (IoT) de baixa latencia, ou de alta calidade, o que está relacionado co network slicing. Tamén se poden despregar servizos cerca dos usuarios finais edge computing”.
Fonte: DUVI.


