O workshop “Sociedade dixital e xénero. Hackeando o patriarcado” abordará a intelixencia artificial fronte aos machismos

Vigo TecnolóxicoActualidadeO workshop “Sociedade dixital e xénero. Hackeando o patriarcado” abordará a intelixencia artificial fronte aos machismos

Celebrarase o próximo 18 de novembro en formato semipresencial, con sede na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e retransmisión en liña.

A Cátedra de Feminismos 4.0, impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo, celebrará o próximo 18 de novembro a terceira edición do workshop Sociedade dixital e xénero. Hackeando o patriarcado, co obxectivo de manter activo un espazo de reflexión colectiva ao redor do denominado “patriarcado dixital”. Baixo o lema Intelixencia artificial feminista fronte aos algoritmos machistas, celebrarase en formato semipresencial, con sede na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (ETT) e retransmisión en liña. O workshop pretende cuestionar o papel que están a desempeñar as tecnoloxías na lexitimación das fendas e nesgos de xénero, así como atender a información relevante proporcionada polo ecofeminismo ou tecnofeminismo.

Maior protagonismo da intelixencia artificial feminista

Dende a organización explican que a ofensiva do neoliberalismo, aliado do patriarcado, en particular contra as mulleres, e a situación de involución ideolóxica cara a posicións de ultradereita, está a propiciar un aumento das fendas de xénero en todos os eidos. A isto hai que sumar o retroceso nos dereitos adquiridos e a ameaza sobre a natureza e as poboacións máis vulnerables. É por iso que consideran preciso reflectir o papel dos feminismos nunha nova era, na que a intelixencia artificial (IA) está adquirindo, cada vez máis, unha grande importancia no deseño do mundo en todas as ordes. Neste sentido, o workshop tratará de axudar a que a intelixencia artificial feminista adquira maior protagonismo e sexa unha ferramenta fundamental para garantir un novo mundo máis igualitario, xusto e humano.

Programa e inscricións

O programa comprende diversas intervencións e mesas redondas nas que participarán mulleres referentes no eido da intelixencia artificial, aprendizaxe automática e visión artificial. As persoas que queiran asistir presencialmente na EET deberán confirmar previamente a súa asistencia, do mesmo xeito que matricularse no obradoiro da tarde. O seminario poderá seguirse virtualmente a través da canle 3 de UVigoTV.

Fonte: DUVI.