O sector tecnolóxico reivindica a importancia do emprendemento e analiza as fontes de financiamiento

Vigo TecnolóxicoActualidadeO sector tecnolóxico reivindica a importancia do emprendemento e analiza as fontes de financiamiento

No marco da xornada Tecno-Startups celebrada o pasado venres no edificio Miralles

A Cátedra MN en Emprendemento Tecnolóxico celebrou o pasado venres 29 un evento presencial centrado nas oportunidades e modalidades de financiamento tecnolóxico. A xornada tivo lugar no edificio Miralles e estivo organizada por MN Program, Gradiant e atlanTTic, presentándose como un espazo aberto á participación co obxectivo de dar a coñecer as diferentes alternativas para poñer en marcha startups tecnolóxicas. A fin foi a de descubrir como atraer a atención de fondos, “family offices” e investidores privados e institucionais ao ecosistema de startups de Galicia.

A directora da cátedra, a catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións e investigadora de atlanTTic Carmen García Mateo, recalcou no acto de apertura que o evento é o colofón a dous anos difíciles condicionados pola pandemia por Covid-19, e agradeceu o apoio dos organizadores á UVigo. Pola súa banda, José Manuel Cánovas, de MN Program, anunciou a renovación desta colaboración coa Universidade de Vigo por un ano máis, mentres que o xerente de Gradiant, Fernando Jiménez, salientou os beneficios deste tipo de cooperacións. Neste sentido, Jiménez fixo fincapé no exemplo de Gradiant, que “se move entre dous mundos; o da investigación e a excelencia científica e o da competitividade empresarial”, eidos que tradicionalmente semellan separados “cando na realidade o mundo da investigación e o do emprendemento deberíanse tocar máis, aproveitando o coñecemento para xerar proxectos de valor”. Pechou o acto a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, que puxo en valor a importancia do emprendemento como saída profesional para as persoas egresadas, “unha aposta clara da UVigo”. Destacou que a institución académica, por unha banda, promove o desenvolvemento de competencias emprendedoras entre o alumnado e, por outra, fomenta a posta en marcha das súas ideas de negocio a través de iniciativas como o programa Incuvi, que leva xa 10 anos en funcionamento.

Premios Cátedra MN 2019-2020

Antes de comezar as dúas mesas redondas da xornada, procedeuse á entrega dos premios da Cátedra MN. Os galardóns recoñeceron tanto os mellores traballos fin de grao (TFG) e proxectos LPRO do curso 2019-2020, como aos do 2020-2021. Os premios buscan incentivar o desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos de interese para a empresa MN e para empresas do eido do márketing dixital que poidan ser semente de futuros emprendementos empresariais, como explicou García Mateo.

No caso do curso 2019-2020, o premio ao mellor TFG foi para Pablo Pazos, estudante de Enxeñaría Informática, por SSEC: Sistema de Seguimento de Enfermidades Crónicas. Trátase dun sistema informático que permite realizar o seguimento das enfermidades crónicas por parte do paciente e do seu médico para poder ter información en calquera momento sobre a súa evolución, e axudar á toma de decisións con maior eficacia e eficiencia.

Ademais do primeiro premio, outorgáronse dous accésit a estudantes de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación. O primeiro, para Raquel Román polo proxecto Detección de sincronización audiovisual utilizando Deep Learning, e o segundo concedéuselle a Ismael Orge polo traballo Detección de peóns en plataformas de baixos recursos computacionais. Ademais da calidade técnica dos traballos, o xurado valorou especialmente o grao de utilidade e aplicabilidade das solucións desenvoltas nos TFG, así como a implicación do alumnado no seu desempeño.

Tamén se entregou o premio ao Mellor Proxecto LPRO, que foi para BReAst: sujétate a la vida, desenvolvido polo alumnado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Silvia Abal, Angela Abreu, Candela Janeiro, Maria Purriños e Antón Soares. Trátase dun dispositivo de axuda á detección precoz do cancro de mama, grazas á toma de medidas do peito e á análise destas que reflicte as conclusións obtidas nunha web. A paciente dispón dunha aplicación móbil coa que interactuar co especialista, recibir consellos e acceder a información formativa relevante. O xurado dos premios valorou especialmente o coidado deseño do servizo tanto nos aspectos tecnolóxicos, como de ergonomía, privacidade da información das pacientes e a súa viabilidade.

Premios Cátedra MN 2020-2021

Na edición 2020/2021 premiouse o desenvolvemento de dous proxectos tecnolóxicos que foron mentorizados por MN e por Gradiant. Un deles foi e-Muse: axente intelixente para marketing dixital, realizado por Edward L. Campbell Hernández e José M. Ramírez Sánchez. Trátase dunha iniciativa que axuda ás empresas galegas a contactar con potenciais clientes interesados nos seus servizos e produtos grazas a un axente dixital que contacta cos eles baseándose na comprensión da linguaxe natural de última xeración.

O outro proxecto premiado, FaceClock: Aplicación móbil de verificación biométrica para control de horario laboral realizado por Andrés Felipe Arias Cárdenas, desenvolve un sistema de control, xestión e programación a través da verificación facial pensado para o seu uso en empresas, que garante a identidade da persoa e obtén o cómputo das horas totais de forma semanal.

O presente e o futuro do financiamento de startups tecnolóxicas

A xornada completouse con dúas mesas redondas con persoas expertas e promotoras do campo do financiamento de startups. A primeira delas ofreceu un panorama actual sobre o ecosistema do financiamento das startups, contando coa participación de Telmo Pérez Luaces, de Acciona; Nicolás Maraver, de Queka Real Partners; Yago Montenegro, de Alma Mundi; José H. Cánovas, de MN e Mikel Diaz De Otazu, de Alice Biometrics. Na segunda, centrada no futuro, “uns cinco anos vista tendo en conta os tan anunciados fondos Next Generation”, participaron Andrés Ubierna, de CDTI; Patricia Fernández Liz, de GAIN; Samuel Méndez, de Vigo Activo; Mariela Méndez, de Enisa; Inmaculada Rodríguez Cuervo, de Unirisco Galicia e Jaime Novoa, de K FUND.

Fonte: DUVI.