A Área de Emprego e Emprendemento da UVigo impulsa un programa de innovación aberta coas empresas

Vigo TecnolóxicoActualidadeA Área de Emprego e Emprendemento da UVigo impulsa un programa de innovación aberta coas empresas

As firmas interesadas proporán ata o 22 de outubro retos que poida resolver o alumnado nos seus TFG e TFM

A Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo acaba de lanzar un programa de innovación aberta na contorna universitaria baixo o nome de Colmea de Ideas. Trátase dunha “vía para incentivar que o alumnado desenvolva proxectos que ofrezan solucións innovadoras e viables aos retos que propoñan as empresas e entidades que participen no programa, de maneira que se sintan protagonistas dun posible proceso real de innovación”, tal e como explica a profesora Maruxa Álvarez, directora da área. Álvarez engade que a idea ten anos de maduración e que, finalmente, saíu adiante coa colaboración da Vicerreitoría de Investigación, “xa que, precisamente, consideramos moi importante resaltar o papel da transferencia dos resultados de investigación”.

A Colmea de Ideas pretende ser un observatorio de retos que canalice os desafíos que as empresas e institucións que se inscriban no programa lancen ao alumnado universitario, servindo así de correa de transmisión entre a empresa e a universidade. Perséguese pois un dobre obxectivo: por unha banda, seguir apostando por un maior achegamento entre a comunidade universitaria e as empresas e institucións, “moitas das cales xa colaboran coa nosa institución na difusión de ofertas de emprego e acollendo alumnado en prácticas”, e pola outra, ofrecerlle ao alumnado de grao, mestrado e doutoramento, un repositorio de ideas sobre as que orientar os seus traballos de fin de estudos.

“Esta iniciativa persegue impulsar ideas que axuden ás diferentes entidades a innovar e ser máis competitivas no mercado de referencia”, recalca a directora da Área de Emprego. Dende o punto de vista do alumnado os beneficios enmárcanse na identificación do talento universitario e na posta en valor de ideas que dean resposta ás necesidades das empresas. “Se a resposta por parte do alumnado é positiva, seguro que cada ano se irán sumando máis celas á colmea e o mel que se extraia en forma de proxectos de innovación será cada ano de maior calidade”, recalca Álvarez.

Ata o 28 de xuño para desenvolver as solucións aos retos propostos

O programa divídese en tres fases que comezan agora coa presentación dos retos por parte das entidades participantes na fase I, que se manterá aberta ata o venres 22 de outubro. A convocatoria está aberta tanto a empresas e novos emprendedores e emprendedoras, como a asociacións e fundacións. Cada entidade participante poderá presentar o número de retos que desexe, cubrindo o formulario en liña ao que poden acceder na web do programa. A previsión é publicar a listaxe de retos dispoñibles a finais deste mesmo mes -30 de outubro-.

Durante a fase II presentaranse as potenciais solucións por parte do alumnado aos retos propostos, estendéndose do 28 de novembro ao 28 de xuño de 2022. Poderán inscribirse ao número de retos que desexen das distintas empresas todas aquelas alumnas e alumnos matriculados nos dous últimos anos de grao, estudantes de posgrao e o alumnado de doutoramento.

A fase III centrarase na selección das ideas gañadoras, que se levará a cabo do 1 ao 22 de xullo, coa publicación da resolución final das ideas gañadoras o 29 de xullo. Para cada un dos retos propostos nomearase un equipo que seleccionará as ideas finalistas, e estará formado polo menos por tres persoas, incluíndo representantes da empresa e da propia Universidade. A idea é seleccionar, cando menos, un proxecto por reto e, atendendo á propia natureza do desafío desenvolverase o proxecto, ben en forma de TFG ou TFM, ou como xerme de tese de doutoramento ou proxecto emprendedor grupal. Ademais, o alumnado seleccionado terá a oportunidade de gozar doutros beneficios como realizar prácticas extracurriculares remuneradas na empresa, un premio en metálico ou un programa de titorización para pór en marcha o programa proposto.

Fonte: DUVI.