A convocatoria da Xunta de Galicia financiará 15 teses durante 3 anos e poderá solicitarse do 6 de outubro ao 5 de novembro de 2021
A Xunta de Galicia acaba de publicar a primeira convocatoria do Programa Doutoramento Industrial para apoiar a contratación de estudantes en empresas e centros tecnolóxicos onde desenvolverán a súa tese. Ao abeiro do Plan de estratexia de especialización intelixente de Galicia, RIS3 de Galicia, o programa busca impulsar o talento e a creación de emprego de calidade, así como fomentar a transferencia de coñecemento dende as universidades ao mercado.
Dotado con 1,9 millóns de euros, o programa financiará o desenvolvemento de 15 teses de estudantes de Doutoramento dalgunha das universidades do Sistema Galego Universitario (SUG). O obxecto de investigación da tese ha de estar orientado á resolución das necesidades dunha empresa ou centro de innovación e tecnoloxía, quen asumirá a contratación do estudante. A convocatoria permitirá sufragar durante 3 anos, ademais dos devanditos gastos de contratación, os custos vencellados coa execución do proxecto e a realización de estadías de investigación no estranxeiro.
A solicitude, que pode presentarse ata o 5 de novembro de 2021, deberá realizarse de maneira conxunta entre a entidade empresarial e a universidade.
Máis información: GAIN.


