O encontro de referencia internacional no eido da biotecnoloxía celébrase esta semana en Pamplona
A Universidade de Vigo está a presentar esta semana na feira BIOSPAIN 2021 a súa oferta científico-tecnolóxica. O evento, que se celebra en modalidade mixta, tanto presencial en Pamplona como de modo virtual, é unha referencia a nivel internacional no eido da biotecnoloxía e a feira máis grande que se celebra en Europa neste ámbito.
Como en anteriores edicións, en Sevilla en 2018 e Bilbao en 2016, a UVigo participa cun espazo virtual conxunto coas outras institucións galegas que compoñen o polo biotecnolóxico: Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña, Bioga, o Clúster de Saúde de Galicia, GAIN e ACIS.
Na sede presencial, as e os asistentes contan con espazos para xuntanzas e conferencias, mentres que os postos informativos son virtuais. O obxectivo é presentar as capacidades da UVigo neste campo que está en auxe e así aumentar a participación do persoal de investigación e grupos en proxectos. Ademais, esta cita tamén permite establecer novas colaboracións con empresas, institucións e centros de investigación, así como ofrecer os servizos da UVigo e os resultados das investigacións desenvolvidas neste campo para transferilos ao tecido produtivo. Para isto, ademais da presenza en BIOSPAIN 2021 de persoal técnico da oficina de I+D, tamén se elaborou un catálogo dixital con toda a oferta propia da UVigo en materia de biotecnoloxía. Paralelamente á feira, esta semana a delegación galega tamén organizou na Casa de Galicia de Pamplona un encontro con empresas do sector para poder presentar as súas potencialidades.
Fonte: DUVI.


