A Universidade de Vigo coordinou en Galicia a Noite Europea das Persoas Investigadoras baixo o lema “Conciencias creativas”
Ciencia e tecnoloxía saíron o pasado venres 24 ao encontro da cidadanía co gallo da Noite Europea das Persoas Investigadoras, a G-Night, que se celebrou simultáneamente en 300 cidades de Europa co obxectivo de achegar a investigación e o coñecemento á sociedade. Coa Universidade de Vigo como coordinadora en Galicia, a ciencia ocupou espazos que lle son tradicionalmente alleos nas cidades de Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol e Lugo. O persoal científico das tres universidades e de centros de investigación de Galicia amosou aos visitantes a través das distintas actividades como aplican a creatividade ao coñecemento científico, de acordo co lema da G-Night “Conciencias creativas”.
Feira, charlas, exposicións, observación astronómica e música para espallar a ciencia por Vigo
A inauguración da xornada tivo lugar no Tinglado do Porto de Vigo, a cargo do reitor, Manuel Reigosa e as vicerreitoras de Comunicación e Investigación, Mónica Valderrama e Belén Rubio. Estiveron acompañados polo presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, o director do Centro Oceanográfico de Vigo (IEO – CSIC), o vicedirector de Organización do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM – CSIC) e polo director xeral de Gradiant. O reitor da UVigo, que gabou o traballo na organización do evento da Unidade de Cultura Científica da UVigo, incidiu na importancia da G-Night para que “a cidadanía coñeza que se fai nos laboratorios, moi especialmente na universidade, pero tamén noutras institucións que se dedican á investigación”, salientando a pertinencia de que “os rapaces e rapazas saiban que a investigación é unha carreira importante para o país e que vai supoñer moito para o desenvolvemento da economía . As e os investigadores están a facer un esforzo para saír á rúa e comunicar o que se está a facer”, dixo Reigosa.
O Tinglado do porto de Vigo acolleu a feira científica cunha ducia de postos con actividades que convidaban á participación do público, especialmente de nenos e nenas, e unha mostra de proxectos realizados polo alumnado da UVigo, como o vehículo UM21 ou BIXO, unha misión biolóxica que ten por obxectivo analizar os efectos reais da exposición prolongada dos microorganismos ao medio espacial. Alí docentes e investigadores como Marco Jabaleira amosaron a vida que se agocha nunha pinga de auga de mar; Paloma Morán e Diana Valverde descubriron a importancia da mosca da froita na investigación xenética; Felipe Gómez explicou como se propaga a voz; Teresa Rivas achegou o valor dos minerais na expresión artística; Iván Garrido presentou o que a técnica da termografía infravermella pode descubrir dos obxectos e María Pazo introduciu aos asistentes no mundo dos materiais intelixentes. Ademais das demostracións e experimentos, o Tinglado do Porto tamén foi escenario da elaboración dun mural en directo, así como da retransmisión do programa Efervesciencia, da Radio Galega.
Pola súa banda, o auditorio do edificio Redeiras de O Berbés foi o espazo no que investigadoras e investigadores da UVigo e doutros centros achegaron os seus coñecementos en cuestións como as emisións de CO2 e quecemento global (Gianluca Marino); a lingüística no século XXI (Miguel Cuevas e Rosalía Rodríguez); o papel das materias primas minerais na actualidade (Elena Alonso); a profesión de investigadora (María Crego) e a redución dos impactos ambientais na industria conserveira (Álvaro Silva). O edificio Redeiras tamén acolleu a mostra En galego!, exposición sobre divulgación científica na nosa lingua.
No campus universitario de As Lagoas, as actividades da G-Night concentráronse na Biblioteca Central cunha observación astronómica e un obradoiro de orientación astronómica e de manexo de planisferio a cargo da docente e investigadora da UVigo Ana Ulla. Na biblioteca, que tamén acolle varias exposicións sobre astronomía, tamén se celebrou un concerto do grupo vigués de blues e soul Tinta.
De volta ao centro de Vigo, o Marco (Museo de Arte Contemporánea de Vigo) foi escenario dunha mostra e práctica de luthieria electrónica e experimental con instrumentos deseñados e construídos por Honorino García, así como dunha performance da artista Mónica Nut a partir das visitas que realizou ao IIM-CSIC de Bouzas. Unha proxección e debate sobre o documental A muller romana da Gallaecia coas docentes da UVigo María José Bravo e Susana Reboredo e un obradoiro demostrativo centrado na noite e a escuridade no mar, organizado pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños, completaron as actividades desenvolvidas no Marco. O mar, e máis concretamente o interior da ría de Vigo, tamén foi a contorna na que a embarcación Inndaga do grupo de investigación Geoma realizou varios paseos científicos. Mentres, no bar Vitruvia desenvolvéronse tres charlas sobre as últimas investigacións dedicadas á protección do street art (Iago Pozo); a boa comida das Rías Baixas (Esperanza Broullón) e o dieselgate (Raquel Orozco).
Fonte: DUVI.


