O Grupo de Tecnoloxías Multimedia (GTM), pertencente ao Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación atlanTTic da Universidade de Vigo, está a traballar en dous proxectos que poñen a tecnoloxía ao servizo das persoas e da súa calidade de vida. Integrado por oito docentes da UVigo e cun equipo de entre oito e doce persoas máis dedicadas aos distintos proxectos, as súas investigacións aplican o coñecemento científico para desenvolver tecnoloxías e ferramentas que reduzan a vulnerabilidade das persoas con discapacidades.
Por unha banda, dende o 2019 o GTM está levando a cabo un proxecto que busca mellorar a calidade de vida das persoas con xordeira. A iniciativa denomínase Speech&Signs e céntrase no recoñecemento da lingua de signos que empregan as persoas con discapacidade auditiva. “Utilizamos técnicas de procesado de imaxe e vídeo para poder traducir a lingua de signos a textos. Estamos a facer un dicionario temático con termos médicos en lingua de signos e nun ano agardamos poder desenvolver unha aplicación. Agora temos cen palabras e iremos engadindo máis”, sinala José Luis Alba, un dos coordinadores do grupo. Grazas á singularidade do proxecto e ao interese que espertou nas asociacións de persoas xordas de Galicia, está previsto ampliar o seu financiamento para continuar o estudo, que ata o de agora recibiu fondos do Ministerio de Ciencia e contou coa colaboración do grupo GRADES (Gramática, Discurso e Sociedade) da UVigo.
Por outra parte, a detección temperá da deterioración cognitiva é a outra das liñas de investigación na que o grupo do atlanTTIC está orientando esforzos, poñendo o foco na Deterioración Cognitiva Leve (DLC) e na demencia como doenzas que afectan a máis de 50 millóns de persoas en Europa. O proxecto, que se desenvolve en colaboración con outros equipos de investigación europeos, busca crear un modelo para a súa detección a través da fala dos pacientes.
Fonte: GCiencia.


