A Universidade de Vigo levará a ciencia e a tecnoloxía ás rúas coa Noite Galega das Persoas Investigadoras

Vigo TecnolóxicoActualidadeA Universidade de Vigo levará a ciencia e a tecnoloxía ás rúas coa Noite Galega das Persoas Investigadoras

O vindeiro venres 24 as sete cidades galegas acollerán actividades de divulgación científica da G-Night

A ciencia e o coñecemento sairán dos laboratorios e as aulas o venres 24 de setembro para trasladaranse a rúas, museos, parques e bares coa Noite Galega das Persoas Investigadoras. A G-Night, evento que se celebra de xeito simultáneo en cidades de toda Europa o último venres de setembro, está coordinada en Galicia pola Universidade de Vigo, co apoio do programa marco H2020 a través das accións Marie Sklodowska-Curie Actions. Baixo o lema desta décima edición, “Conciencias creativas”, as cidades de Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol e Lugo encheranse de actividades de divulgación científica e tecnolóxica, buscando achegar a investigación á sociedade e facer fincapé nas vocacións científicas.

Segundo a vicerreitora de Investigación da UVigo, Belén Rubio, nesta edición “o leitmotiv será a creatividade e a súa relación co coñecemento científico, a ruptura de estereotipos e a interdisciplinariedade”. As actividades desenvolveranse nas sete cidades galegas e en contextos informais, levando a ciencia “ás rúas, prazas, museos, praias e bares nun ambiente festivo”, en formatos diversos como charlas, conferencias, obradoiros, rutas científicas, teatro, música, experiencias, experimentos etc., e pensadas para todo tipo de públicos, independentemente da súa formación e coñecementos. En palabras de Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da UVigo, “a nosa máxima ilusión é chegar ao maior número de persoas posible”.

Xunto coa institución viguesa participan na organización das actividades a USC e a UDC, o Cesga, a Unidade de Cultura Científica da Delegación do CSIC en Galicia, o Instituto de Investigacións Mariñas, o Centro Oceanográfico de Vigo, Gradiant, Itmati, Inibic e Sebbm, co patrocinio da Xunta de Galicia.

A G-Night en Vigo

A programación da G-Night en Vigo comezará con actividades en centros escolares, pero a parte central do evento desenvolverase pola tarde-noite en diferentes localizacións. Na praza do Berbés instalarase unha feira científica que se poderá visitar de 18 a 21 horas con 12 postos sobre temáticas variadas, como ciencia mariña, enxeñaría, xenética, termografía ou o monopraza de UVigo Motorsport. Ademais, no edificio Redeiras, a sede institucional da UVigo na cidade, instalarase unha exposición sobre investigación e divulgación científica en galego e ás 19.00 h comezará un ciclo de relatorios sobre temas como quentamento global, lingüística ou minerais. Paralelamente tamén haberá unha mostra de graffiti en vivo nesa mesma contorna.

Outras das localizacións da G-Night en Vigo serán o Museo Marco, no que dende as 17.30 h haberá un Escape Room e charlas e talleres organizados por CEMMA e o Instituto de Investigacións Mariñas, a proxección do documental A muller Romana en Gallaecia e o espectáculo Luthieria electrónica e experimental.

Tamén haberá actividades no campus, concretamente na Biblioteca Central, onde se desenvolverán obradoiros e exposicións arredor da observación astronómica, que culminarán coa actuación do grupo Tinta. Outra das patas desta iniciativa é a Ciencia no bar, unha proposta que levará a divulgación científica a diversos locais de hostalaría, en concreto no caso de Vigo, ao Vitruvia Café, con tres sesións sobre street art, alimentación ou o dieselgate. Finalmente, a programación complétase con paseos científicos pola ría que sairán do Porto de Vigo.

Programa no resto de cidades

O programa completo de actividades de cada cidade pode consultarse na web do proxecto. Por mor das restricións anti-covid, para participar é preciso inscribirse previamente en todos os eventos agás na feira científica do Berbés e na mostra de graffiti.

Fonte: DUVI.