O proxecto, no que están involucradas as tres universidades galegas e a Carlos III, conta con financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación
Diminuír o impacto ambiental para facer máis sustentable a mobilidade urbana constitúe un dos grandes retos da sociedade actual. O desafío require ademais do deseño de sistemas intelixentes de transporte como o que desenvolve persoal de investigación das universidades de A Coruña, Vigo, Santiago de Compostela e Carlos III de Madrid, no marco dun proxecto de investigación financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación. Seleccionado na convocatoria de proxectos de I+D+I Retos Investigación, o proxecto MaGIST: Almacenamento e procesado de datos xeoespaciais masivos para o transporte urbano intelixente e sustentable ten como obxectivo definir a arquitectura dun sistema intelixente de transporte urbano que permita a incorporación continua de datos, e conte con procesos de aprendizaxe automática que, entre outras cuestións, permitan predicir os fluxos do tráfico ou detectar aquelas zonas do espazo urbano nas que exista unha “degradación de activos” que poida afectar á mobilidade. Este último aspecto constitúe un dos eixos do traballo que, no marco deste proxecto, desenvolve o grupo de investigación en Xeotecnoloxías Aplicadas (GeoTECH) do Cintecx (Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais) da Universidade de Vigo.
Co catedrático da Escola de Enxeñaría Forestal Henrique Lorenzo como investigador principal, o grupo GeoTECH responsabilizase do subproxecto MaGIST-ERIUM: Intelixencia xeoespacial como soporte á toma de decisións en mobilidade urbana. Este céntrase, por unha banda, no desenvolvemento dun sistema de procesado de datos xeoespaciais e “técnicas de aprendizaxe automática” que permitan “obter medidas da degradación de activos” de infraestruturas relevantes para o transporte, como pavimento ou sinalizacións. Por outra banda, nunha segunda liña de traballo, o grupo que integra personal de investigación da Escola de Enxeñería Industrial do Campus Vigo Tecnolóxico e da EE Forestal do Campus de Pontevedra deseñará unha metodoloxía para a caracterización topográfica das “zonas navegables” da contorna urbana, o que permitiría a este sistema de transporte intelixente definir “redes de navegación adaptadas a cada modo de mobilidade”. Estes dous obxectivos atópanse así mesmo vinculados ao inicio de dúas teses de doutoramento de membros do grupo.
Un transporte eficiente e sostible
En liñas xerais, un sistema intelixente de transporte urbano persegue a “xestión integral do tráfico nunha cidade, optimizando as capacidades existentes e os niveis de servizo”, sinalan dende o grupo GeoTECH. Coordinado polo Laboratorio de Bases de Datos da UDC, no proxecto MaGIST, que se estende ata 2023, participan tamén os grupos de investigación en Gráficos por Computador e Enxeñaría de Datos da USC e de Aplicacións e Servizos Telemáticos da Universidad Carlos III. O seu obxectivo é deseñar un sistema de transporte “eficiente e sostible”, actuando a varios niveis e agrupando os resultados dos diferentes subproxectos nunha aplicación móbil e nun “panel de control”, que contribúa á toma de decisións de xestión pública, a través da incorporación de datos en tempo real e da “exploración analítica” dos rexistros de eventos previos, de tal xeito que permita analizar tanto datos “que reflicten cambios lentos” na cidade, “como fluxos de información altamente cambiantes”.
Nese senso, proxéctase unha actuación a varios niveis, que abranga a monitorización e predición do tráfico e do seu impacto ambiental, tendo en conta que constitúe unha das principais causas de emisións de óxidos de nitróxeno nas áreas urbanas, así como a definición de “rutas multimodais” que combinen o transporte público “con outros modos de desprazamento”, e que se optimizarían seguindo as predicións do tráfico e da calidade do aire. Un terceiro eixo céntrase na monitorización da degradación das infraestruturas, que é un dos obxectivos do subproxecto que coordina Lorenzo.
Aprendizaxe artificial que parte de datos xeoespaciais
Segundo afirma GeoTECH, o obxectivo principal de MaGIST-ERIUM é “proporcionar unha cartografía precisa e definir gráficos de navegación que se incluirán nun panel de control baseado en sistemas de información xeográfica”, de tal xeito que contribúan, xunto con outras fontes de información, á toma de decisións en termos de mobilidade e estado das infraestruturas. Para a obtención deses datos, empregarán un “sistema de mapeado móbil” (Optech Lynx Mobile Mapper) a bordo dunha furgoneta nas cidades seleccionadas como “casos de estudo” do proxecto. O uso deste sistema de mapeado móbil permitirá “obter unha representación xeométrica e radiométrica” das infraestruturas a través do uso de escáneres baseados na tecnoloxía LiDAR, grazas aos que se xeran “nubes de puntos tridimensionais de gran precisión e resolución na contorna”; xunto con cámaras RGB, sensores de posicionamento, radares de subsolo ou cámaras termográficas. A fin, sinalan, é ser capaz de extraer de todas esas informacións “semánticas específicas e útiles para a mobilidade urbana”, como sería, por exemplo, sumar á localización dunha zona degradada do pavimento información respecto do tipo de dano que sofre.
Unha cartografía que teña en conta por onde circula cada vehículo
Nunha segunda liña de traballo, o grupo GeoTECH centrarase no desenvolvemento de metodoloxías de caracterización topográfica de “áreas navegables” da contorna urbana, termo co que fan referencia ás zonas polas que ten permitido desprazarse cada medio de transporte, de tal xeito que comprendería tanto os diferentes carrís das vías como aqueles asignados a autobuses ou bicicletas. “Unha cartografía precisa é a base para o deseño dun sistema de transporte intelixente”, salientan dende o grupo de investigación, tendo en conta que as aplicacións cartográficas existentes “non representan con exactitude” o espazo asignado a cada tipo de vehículos, o que dificulta “o deseño correcto de rutas multimodais”.
Fonte: DUVI.


