Unha tese do atlanTTic analiza a influencia de axentes artificiais ante situacións de risco colectivo

Vigo TecnolóxicoActualidadeUnha tese do atlanTTic analiza a influencia de axentes artificiais ante situacións de risco colectivo

Elías Fernández realizou experimentos económicos de comportamento para investigar a anticipación neste tipo de contextos

O cambio climático, os procesos de vacinación ou o control de pandemias son temas de total actualidade nos que se confrontan intereses individuais e colectivos e beneficios inmediatos, e a longo prazo. Estes contextos son coñecidos como situacións de risco colectivo, escenarios complexos que conforman dilemas sociais suxeitos a moitas incertezas, dende a probabilidade de que a catástrofe ocorra, ata o tempo dispoñible para evitala. Nestas situacións e nas posibles respostas dos seres humanos céntrase a tese de doutoramento de Elías Fernández Domingos, dirixida polos profesores Tom Lenaerts da Université Libre de Bruxelles e Juan Carlos Burguillo, vencellado ao Grupo de Tecnoloxías da Información do atlanTTic.

A súa investigación engade, ademais, unha nova compoñente: os axentes artificiais. “Cada vez con máis frecuencia, estas situacións sociais de risco colectivo non só dependen de interaccións entre humanos, senón que se ven afectadas pola presenza de axentes artificiais a través de sistemas socio-técnicos despregados en diferentes niveis da sociedade”. Así o explica o investigador, que pon como exemplo os chat-bots en centros de atención telefónica, que poden condicionar os tempos de respostas ante unha catástrofe ou bots en Twitter, que inflúen na opinión colectiva, por exemplo ante un proceso de vacinación como o actual para frear a covid-19. Na súa tese de doutoramento, Elías Fernández realiza “unha serie de experimentos económicos de comportamento nun dilema de risco colectivo (DRC)” coordinando humanos e axentes artificiais para tratar de analizar a anticipación neste tipo de contextos.

Máis información: DUVI.