Estudantes da UVigo obteñen o segundo posto na liga de debate LEDU Stem de Telefónica

Vigo TecnolóxicoActualidadeEstudantes da UVigo obteñen o segundo posto na liga de debate LEDU Stem de Telefónica

O equipo da Universidade de Vigo formado polos estudantes da Escola de Enxeñería Industrial Raquel Fernández Vieitez e Guillermo Fernández Sánchez  acaba de facerse co segundo posto do torneo LEDU (Liga Española de Debate Universitario) para estudantes STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). O torneo, promovido por Telefónica para fomentar as habilidades dialécticas dos futuros profesionais científicos e tecnolóxicos, levouse a cabo de xeito totalmente telemático debido á pandemia.

Ámbolos dous estudantes están a piques de titularse no Grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática e nunca participaran en ningún torneo similar. “Ningún dos dous fixeramos nada relacionado co mundo dos debates, ambos comezamos este curso e o certo é que foi unha experiencia xenial”, salienta Fernández Vieitez, ao que engade que “estamos moi satisfeitos con ter participado e, dalgún xeito, axudar a demostrar que os debates e a oratoria non só é algo de letras, senón que está ben que se fomente en todos os campos”.

Participaron estudantes de oito universidades españolas

O torneo congregou a estudantes de oito universidades españolas, todas elas con Cátedra Teléfonica  – Carlos III, Deusto, Francisco de Vitoria, Las Palmas de Gran Canaria, Politécnica de Madrid, Pompeu Fabra, Sevilla e Vigo-, acadando o primeiro posto o equipo da Universidade Politécnica  de Madrid e quedando finalistas, ademais de Vigo, a Universidad Carlos III de Madrid e a Universitat Pompeu Fabra.

O debate final formulouse en torno á pregunta de si a sociedade está protexida, persoal e socialmente, fronte ao control dos algoritmos. Os diferentes equipos argumentaron tanto a favor como en contra, converténdose nun torneo cunha dialéctica moi viva. Foron numerosas as referencias ao ordenamento xurídico, á necesaria e imparable dixitalización, así como á importancia de adquirir competencias dixitais, á equidade e á igualdade.

A través deste torneo pioneiro en España, Telefónica e a LEDU fomentan e impulsan as coñecidas como habilidades soft ou blandas. Estas implican desenvolver competencias en argumentación, intelixencia emocional e empatía, manexo do tempo e o estrés, traballo en equipo, espírito crítico e innovador, creatividade ou resolución de problemas. Trátase, en xeral, de todas as capacidades que permiten combinar a eficacia e a efectividade e que son moi apreciadas polas empresas.

Máis información.