Liderado por Ramón Hermida, este traballo está tendo un grande impacto na práctica clínica. O estudo concluíu que as persoas hipertensas deben tomar a medicación antes de deitarse.
O proxecto Hygia, traballo realizado de forma coordinada entre a Universidade de Vigo e o Sergas e cuxos resultados confirmaron de xeito contundente que as persoas hipertensas deben tomar a medicación antes de deitarse, acaba de ser recoñecido como unha das sete publicacións que acadaron un maior impacto a nivel internacional no ano 2019. O recoñecemento chega da man da Sociedade Americana de Medicina Interna, no nome da cal se reúnen cada ano un grupo de especialistas para seleccionar por unanimidade os sete estudos que poden ter un maior impacto á hora de cambiar a práctica clínica nesta disciplina.
Os últimos resultados do proxecto Hygia publicáronse o pasado outono na European Heart Journal, a revista de maior impacto mundial no mundo da cardioloxía e, agora, The American Journal of Medicine acaba de publicar o artigo co resumo dos sete traballos seleccionados polo grupo de expertos da Sociedade Americana de Medicina Interna.


