Nel ofrecerase información de resultados de investigación maduros. A iniciativa pretende fomentar a colaboración do persoal investigador co tecido industrial galego.
A Universidade de Vigo pon en marcha a creación dun Escaparate Virtual de Transferencia para visibilizar os resultados e as capacidades dos diferentes grupos de investigación da institución académica que teñan unha aplicabilidade e transferencia directa ás empresas e aos diferentes organismos da administración pública. O Escaparate Virtual de Transferencia, comenta a vicerreitora, proponse como “unha ferramenta que lle permitirá ás empresas visualizar de xeito áxil o coñecemento desenvolvido polo noso persoal investigador e poder espertar o seu interese”. Ao mesmo tempo, engade, “servirá para que se establezan de xeito máis estable canles de comunicación permanente entre o tecido produtivo e os grupos de investigación: os grupos da universidade teñen o coñecemento mentres que as empresas saben o que demanda a sociedade e como trasladarllo”. A idea, apunta, non é a posta en marcha dunha páxina web senón dun catálogo virtual de áxil manexo.
A iniciativa xorde con dous obxectivos. O primeiro, a curto prazo, proponse recadar toda a información de produtos/procesos/capacidades/servizos que se poidan implementar de xeito áxil e rápido nunha empresa en ámbitos relacionados directamente coa COVID-19. “Deste xeito, axudaríamos a que as empresas desen unha resposta case inmediata na fabricación de produtos de todos os ámbitos para solventar as carencias que se evidenciaron na situación actual”, sinala a vicerreitora de Transferencia. A medio e longo prazo, o obxectivo desta ferramenta sería amosarlle ás empresas aqueles produtos/procesos/capacidades que non respondan a unha situación de emerxencia como é a actual senón que o escaparate sexa a ferramenta á que se acheguen as empresas para atopar novas ideas, novos produtos ou novas maneiras de facer as cousas.
Na actualidade o proxecto está na primeira fase, que é a de recompilación da información. Concretamente estase a recompilar información daqueles resultados de investigación cun nivel de madurez da súa tecnoloxía TRL5 ou TRL6 e que polo tanto se atopan en fase de desenvolvemento e valoración ou ben ideas de negocio. Neste contexto, apunta a vicerreitora, “facemos unha chamada urxente a todos os investigadores e investigadoras para que cubran o formulario habilitado coas súas ideas/produtos/proxectos relacionados coa COVID-19”. Desde a vicerreitoría organizadora salientan como na iniciativa poden participar todos os membros da comunidade universitaria, de calquera ámbito de coñecemento, “que consideren que teñen algo que as empresas poden empregar”.


