Doaranse 10.000 dispositivos para abrir portas sen contacto e 1000 batas. Serán distribuídos pola Xunta en hospitais e centros asistenciais.
No marco da alianza forxada entre a Universidade de Vigo e Asime desde o inicio da crise da COVID-19 insírense diversos proxectos solidarios levados a cabo coa implicación de diferentes empresas galegas, como a produción de dispositivos Lu-Touch, para abrir portas e ventás e pulsar botóns sen contacto directo, ou a fabricación de batas para o persoal sanitario e asistencial. A primeira entrega de materiais xurdidos destes proxectos solidarios, polos que se doarán 10.000 destes dispositivos e 1000 batas, foi realizada este venres na Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Vigo, que se encargará de repartilos aos diversos hospitais, centros asistenciais e organizacións da área territorial.


