Proxecto AriSe: IA para controlar redes sen fíos ultradensas e IoT do futuro

Vigo TecnolóxicoActualidadeProxecto AriSe: IA para controlar redes sen fíos ultradensas e IoT do futuro
Os catedráticos Francisco Javier González Castallo e Felipe Gil

Na imaxe: os catedráticos Francisco Javier González Castallo e Felipe Gil (Duvi)

Proxecto AriSe: IA para controlar redes sen fíos ultradensas e IoT do futuro

A intelixencia artificial será indispensable na xestión dunhas redes que excederán por vez primeira as necesidades de comunicación

As novas aplicacións que requiren un gran largo de banda, como realidade aumentada, realidade virtual e multimedia 3D, farán que as redes de comunicación sen fíos experimenten un aumento de tráfico de datos sen precedentes. Nas cidades intelixentes, e grazas á miniaturización e ás economías de escala, incorporaranse a estas redes multitude de sensores e outros dispositivos. O resultado será que cada quilómetro cadrado dunha área urbana do Internet das Cousas (IoT) xerará un caudal de datos de orde de decenas de terabits por segundo. Para satisfacer esta demanda, despregaranse redes de comunicación ultradensas, un novo paradigma ao que se sumarán as nanocomunicacións, con centos de miles de dispositivos a micro ou nanoescala que se comunicarán na banda dos terahercios.

Seleccionado na convocatoria estatal de Xeración de Coñecemento

Para xestionar estas infraestruturas serán preciso un despregamento masivo de solucións de intelixencia artificial (IA). De aí que hai tres anos se puxese en macha o proxecto AriSe: redes ultradensas sen celas, redes IoT futuras e nanorredes. Foi seleccionado na convocatoria estatal de Xeración de Coñecemento, contou cun orzamento de 122.452 € e está a piques de concluír. Está coordinado dende o centro de investigación atlanTTic polo catedrático da Universidade de Vigo Francisco Javier González Castaño, director do grupo GTI e polo profesor da Universidad Politécnica de Cartagena Juan José Alcaraz. Xunto con eles, están implicados neste proxecto o catedrático do Departamento de Enxeñaría Telemática Felipe Gil Castiñeira e o catedrático da mesma área na Politécnica de Cartagena Antonio Javier García Sánchez, así como todos os investigadores sénior do grupo GTI, que forma parte de atlanTTic: Juan Carlos Burguillo, Enrique Costa, Cristina López Bravo, Pedro Rodríguez Hernández, Pablo Fondo, Silvia García Méndez e Francisco de Arriba, ademais do investigador FPI David Candal. Na investigación colaboran tamén os principais operadores españois xunto con dúas multinacionais que prestan o seu apoio. O traballo que se realiza en AriSe coincide coa participación do equipo no proxecto NextPerception, da convocatoria H2020

[https://www.uvigo.gal/universidade/comunicacion/duvi/uvigo-participa-nun-consorcio-europeo-que-busca-crear-nova-xeracion-tecnoloxias-deteccion]

Adiantando as bases da tecnoloxía 6G

O punto de partide de AriSe era avanzar no deseño, análise e avaliación de algoritmos intelixentes escalables para optimizar a asignación de recursos en redes de acceso ultradensas. Tamén se traballou no desenvolvemento dun marco de xestión intelixente para a fragmentación de redes en redes ultradensas e na implementación de arquitecturas que proporcionen comunicacións fiables, robustas e eficientes en redes ultradensas de Internet das Cousas (IoT). Estas técnicas apóianse na IA, así como otras de control de funcionalidades da rede, coa fin de garantir o servizo.

Estas novas redes, por vez primeira na historia, superarán a necesidade de comunicación presente. Por iso xa non serán limitantes, senón que a limitación virá dada pola capacidade de computación. En consecuencia, a IA será esencial na súa xestión para manter os enlaces axeitados para as necesidades de cada servizo.

O catedrático González Castaño explica que o proxecto acadou resultados en IA aplicada ás redes celulares e redes mesh, a clave de 6G, incluíndo as novas bandas de THz. Do mesmo xeito que ocorreu coas comunicacións 5G, espérase que as redes posteriores teñan un impacto importante “na produtividade, competitividade e creación de valor nos principais sectores de actividade económica”.

 

Máis información

Duvi

atlanTTic

AriSe na Axencia Estatal de Investigación