Na imaxe: Águeda Gómez, Belén Rubio, Sandra Bastos e Concepción Penín (Duvi)
O centro presenta unha guía sobre perspectiva de xénero
Este martes presentouse no CINTECX, o centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais do Campus Vigo Tecnolóxico, unha guía práctica para integrar a perspectiva de xénero nas investigacións tecnolóxicas e industriais. É unha iniciativa financiada pola Cátedra Feminismos 4.0 DePO-UVigo (unha colaboración entre a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo) que pretende dotar ao persoal investigador das ferramentas e pautas específicas para mellorar a calidade das súas propostas de investigación. O obxectivo é promover un enfoque máis inclusivo no ámbito científico.
Múltiples recursos gratuítos e en liña
A guía ofrécese de balde para todo o público, e pódese ver en liña na web do CINTECX ou descargar en formato PDF. Abarca a perspectiva de xénero nas fases dos procesos de investigación, casos prácticos, proxectos Horizonte Europa (cos requisitos que debe cumprir o plan de igualdade de xénero que estes proxectos esixen), e para rematar, unha lista de verificación ou “checklist” de elementos a ter en conta en todo o proceso de investigación, desde o proceso de recrutamento ata a presentación dos resultados de investigación. Na versión web hai contidos que pasan a ser interactivos, como a lista de verificación, e ofrece tamén ligazóns a valiosos manuais e documentación de referencia, tales como a guía “Como incorporar a perspectiva de xénero nos proxectos de investigación”, da Unidade de Igualdade da UVigo, ou as guías publicadas pola Comisión Europea, ademais de documentos doutras universidades españolas e internacionais.
Concepción Paz Penín, directora do CINTECX e premio María Josefa Wonenburger en 2023, fixo fincapé en que a guía recolle criterios e pautas de actuación, “moi concretas e sinxelas” e ofrece ideas básicas que deben incluírse nas memorias das propostas de investigación que se presenten ás distintas convocatorias, tanto a nivel autonómico, como nacional e internacional. Sinalou, ademais, que ao comezo da investigación detectouse que un 73% do persoal do CINTECX descoñecía os aspectos a ter en conta para integrar transversalmente a análise de sexo e xénero na proposta de investigación, e o 91% tiña dificultade para integrar esa perspectiva no deseño das propostas.
Á presentación tamén asistiron a deputada de Igualdade e Benestar da Deputación de Pontevedra, Sandra Bastos; a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio; a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez Suárez, e a profesora de Socioloxía da Universidade de Vigo Iria Vázquez Silva.
Máis información: Duvi
Ligazón da guía en versión web
Guía en versión PDF



