O alumnado desenvolverá todos os créditos do último curso en compañías de automoción
A UVigo converterase o vindeiro curso 2023-2024 na primeira universidade galega en ofrecer un Grao en Enxeñaría da Automoción con mención dual, no que a totalidade do seu alumnado desenvolverá os 48 créditos do último curso, 36 de contidos formativos e 12 correspondentes ao Traballo Fin de Grao (TFG), en empresas do sector da automoción. A implantación e desenvolvemento da titulación, que se atopa neste intre pendente do visto e prace da Secretaría Xeral de Universidades e da aprobación da Axencia de Calidade de Galicia (ACSUG), foi o obxecto do convenio que se asinarou o pasado luns 3, nun acto celebrado no edificio Redeiras, Xunta, UVigo e sector da automoción, representado por Stellantis, CTAG (Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia) e CEAGA (Clúster de Empresas de Automoción de Galicia).
O novo grao con mención dual ofertará 20 prazas de novo ingreso ao seu alumnado, que cursará durante catro anos un total de 240 créditos ECTS. Logo dunha formación, nos primeiros cursos, nas bases científicas e tecnolóxicas da enxeñaría, no derradeiro ano, o estudantado desenvolverá os 48 créditos que lle restan, 36 de contidos formativos e 12 correspondentes o Traballo Fin de Grao (TFG), en empresas do sector da automoción, mediante a modalidade de formación dual, o que permitirá ás e aos futuros graduados realizar 1200 horas de formación no ámbito empresarial, que equivale ao 20% do total da titulación, e a distingue dos graos que carecen de mención dual.
O reitor da UVigo, Manuel Reigosa; o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; o director de Stellantis, Ignacio Bueno; o director xeral do CTAG, Luis Moreno e o xerente de CEAGA, Alberto Cominges, foron os encargados de asinar o convenio, que regulará os termos do desenvolvemento da implantación e seguimento da titulación e do programa de formación dual do estudantado na titulación, así como a súa adecuación ás demandas do sector da automoción en Galicia, que representa o 14,3% do emprego directo industrial en Galicia, con preto de 25.000 persoas empregadas, sen contar os empregos indirectos. Cunha facturación en 2020 de 10.450 millóns de euros, case o 17,8% do PIB galego, a automoción destina 7265 millóns de euros ao mercado exterior, preto do 35% do total de exportacións de Galicia.
Un grao atractivo e eficaz
Na súa intervención, posterior á sinatura do convenio, o presidente da Xunta destacou a importancia de, logo do éxito que está a acadar a FP dual, iniciar a experiencia dos graos duais en Vigo cun sector tan importante como a automoción. “As universidades teñen que, respectando a súa esencia, adaptarse aos cambios da sociedade para potenciar e consolidarse e creo que é o que estamos a facer aquí”, dixo Rueda, que agradeceu a colaboración de todos os axentes implicados para crear un grao “eficaz e atractivo e que funcione desde o primeiro momento, pero sobre todo que sexa útil, que o que aquí se aprenda teña esa conexión directa co mundo empresarial”.
Para o titular da Xunta, “este é un paso potente que había que dar en Galicia”, dixo Rueda, que destacou o traballo conxunto da Xunta e das universidades do SUG, materializado en novas titulacións de grao e mestrado, así como na conxelación das taxas. “O que hoxe fixemos foi abrir unha porta para as novas xeracións en Galicia”, dixo Rueda, que se referiu ao acordo acadado como “unha alianza pioneira” que conecta a empresa coas universidades e que, asegurou, “ten moito futuro”.
Unha liña a seguir na UVigo
Para o reitor da UVigo este primeiro grao con mención dual é un exemplo de que as universidades son quen de mudar o rumbo moi rápido para organizar, neste caso, titulacións duais coa colaboración da Xunta e a implicación de todo o sector da automoción. “Parecía lóxico que o noso primeiro grao dual fose no sector da automoción, razón pola que agradezo moitísimo o traballo feito pola Escola de Enxeñaría Industrial e polo seu director, porque foi quen de implicar a todo o sector en Galicia, representado por CTAG, CEAGA e Stellantis, que se implicaron con moita forza”, dixo Reigosa.
O reitor da Universidade de Vigo tamén incidiu na súa intervención na importancia de que o plan de estudos do novo grao estea visado polo sector, no que o alumando realizará parte da súa formación, e que participará nos cambios que haxa que realizar na titulación no futuro. Reigosa agradeceu a implicación do sector nesta iniciativa que marcará unha liña “que na universidade utilizaremos noutros graos e mestrados”, avanzou.
Un paso audaz que impactará en todo o sistema produtivo de Galicia
Pola súa banda, Ignacio Bueno cualificó a posta en marcha do grao como “un paso moi importante na formación do alumnado para a súa integración nun sector tan importante e estratéxico como é a automoción”, que avanza, dixo, a unha velocidade vertixinosa e precisa de profesionais capaces de enfrontar os retos futuros vinculados coa mobilidade sostible e conectada e co medioambiente. O director de Stellantis reivindicou a participación do centro de Vigo, CTAG e CEAGA na creación do grao, “colaborando coa arquitectura dos contidos” e manifestou a súa expectativa de que teña unha boa acollida entre o estudantado.
Ignacio Bueno agradeceu o traballo da UVigo e en especial o da Escola de Enxeñaría Industrial, nomeadamente “a súa dedicación e flexibilidade para buscar puntos de encontro”, ao tempo que asegurou que o Grao en Enxeñaría da Automoción con mención dual “contribuirá a reforzar a competitividade das nosas compañías e reforzar o ecosistema de innovación do sector” e será, dixo, “un paso audaz que impactará en todo o sistema produtivo de Galicia”.
Fonte: DUVI


