A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación estrea xornada de portas abertas conxunta cunha vintena de centros de toda España  

Vigo TecnolóxicoActualidadeA Escola de Enxeñaría de Telecomunicación estrea xornada de portas abertas conxunta cunha vintena de centros de toda España  

Para participar cómpre inscribirse previamente na web do centro

Que o alumnado potencial, docentes e familias coñezan as titulacións que se imparten na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (EET) da UVigo así como as súas instalacións, será unha realidade o vindeiro 2 de marzo, nunha xornada de portas abertas pioneira, na que o centro vigués compartirá esta iniciativa con outras 19 escolas de toda España. “Estamos realmente encantados de ofrecer esta posibilidade a todas aquelas persoas que queiran saber máis do que ensinamos e como o facemos na EET de Vigo”, asegura a directora do centro, Rebeca Díaz Redondo, que explica que, tanto docentes como estudantes da escola participarán activamente na xornada, acompañando nos seus percorridos a todas as persoas que asistan, que se organizarán en grupos reducidos.

No transcurso da xornada, que se desenvolverá entre as 16:00 e as 18:30 horas, as e os asistentes poderán visitar as instalacións do centro, como aulas e laboratorios, onde terán ocasión de experimentar en temas como as aplicacións 5G, a fotónica, os drons ou os satélites, materia na que a EET conta cunha ampla experiencia. Precisamente, a xornada de portas abertas comezará cunha conexión con Javier Ventura, enxeñeiro de Telecomunicación e director da Oficina Científica de Navegación por Satélite da Axencia Espacial Europea, que trasladará ás persoas participantes a súa experiencia.

Para participar na xornada de portas abertas do vindeiro 2 de marzo cómpre inscribirse na web da EET.

Empresas que premian ao alumnado co mellor expediente

“As persoas formadas na EET de Vigo son moi demandadas polo tecido empresarial, tanto rexional, como nacional e internacional”, asegura a directora do centro e, proba deste interese é, segundo Rebeca Díaz, que tres firmas que colaboran coa Escola, tanto en formación de prácticas, TFG e TFM como outras actividades formativas adicionais, premiarán, con 2000 euros para cada un, aos tres estudantes que matriculados este curso na EET coas mellores cualificacións.

A entrega destes premios farase coincidir coa celebración da xornada de portas abertas, que se desenvolverá dous meses antes doutro evento que terá á Escola como escenario: as primeiras olimpíadas de Telecomunicación, nas que están apuntados 219 estudantes de toda Galicia. A fase clasificatoria terá lugar entre o 15 e o 26 de maio e a fase nacional en xuño de 2023.

 

Fonte: DUVI