A UVigo súmase ao programa de emprendemento Explorer do Banco Santander

Vigo TecnolóxicoActualidadeA UVigo súmase ao programa de emprendemento Explorer do Banco Santander

Na pasada edición participaron neste programa 1.045 ideas de negocio de 75 universidades

A Universidade de Vigo acaba de sumarse ao programa de emprendemento Explorer do Banco Santander converténdose así en Explorer Space e facilitando a participación do seu alumnado nunha iniciativa que se lanzou por primeira vez no ano 2009 e na que se levan impulsado preto de 10.000 proxectos empresariais procedentes de Arxentina, Brasil, Chile, México, España, Portugal, Reino Unido e Uruguai. Trátase dun proxecto de apoio ao emprendemento de mozas e mozos con ideas empresariais en fase de preincubación de 10 países, sumando nesta nova convocatoria a Estados Unidos e Alemaña.

Cun enfoque práctico e baseado en dinámicas de aprendizaxe social, Explorer ofrece 12 semanas de formación totalmente de balde na que as e os participantes poderán conectar cunha comunidade internacional de networking, recibir formación por parte de especialistas, validar a súa idea de negocio e desenvolver as habilidades necesarias para transformala nunha solución viable e sostible. As persoas interesadas en participar teñen de prazo para inscribirse ata o vindeiro xoves 22 de decembro. Neste senso, dende a Área de Emprego e Emprendemento lembran que hai a posibilidade de apuntarse individualmente ou en equipo -ata un máximo de cinco persoas- e que o programa é compatible con outros proxectos de axuda ao emprendemento, caso das diferentes axudas Incuvi, e poderá recoñecerse como créditos ECTS.

Explorer Trip nun hub de innovación europeo

Do 30 de xaneiro ao 30 de abril de 2023, as mozas e mozos seleccionados terán a oportunidade non só de falar e formarse sobre emprendemento, senón tamén, en caso de ser seleccionados, de amosar as súas ideas ante fundadores de startups e especialistas de relevancia internacional. O momento cumio chegaralles no Explorer Trip, que nesta ocasión se organizará na cidade de Valencia, e no que durante unha semana os emprendedores intercambiarán experiencias nun recoñecido hub de innovación europeo e poderán actuar entre eles en persoa.

Na pasada edición participaron neste programa un total de 1.045 ideas de emprendemento de 75 universidades, elevándose a participación feminina ata o 42,6%, superando así a media de convocatorias anteriores -en torno ao 30%-.

Os Santander X Award Spain veñen de premiar un proxecto nado na UVigo

Explorer forma parte de Santander X, unha iniciativa global de emprendemento do Banco Santander que axuda a startups, microemprendedores e pemes a obter información e conectalos cos recursos que precisan para medrar. “A traxectoria ideal dun emprendedor dentro do Santander Universidades e de Santander X en particular comeza co Santander Explorer, que lles achega non só as ferramentas e o networking necesario para armar o seu proxecto con solidez, senón tamén a certeza de que emprender non só é posible, senón que é máis viable do que creen”, tal e como afirmou na presentación desta edición Diego Calascibetta, director global de Emprendemento de Santander Universidades.

Entre as múltiples iniciativas de Santander X atópanse os Santander X Award Spain, galardóns que distinguen as mellores iniciativas de emprendemento universitario en España e que nesta edición –entregáronse o pasado 29 de novembro- recoñeceron co seu 2º premio a Vi&Go, unha iniciativa emprendedora posta en marcha por estudantes da Universidade de Vigo ao abeiro das axudas Incuvi. Concretamente, detrás desta proposta están Marta Álvarez Hereda, Adrián Marnotes Rodríguez e Ignacio Iglesias Araújo, da Escola de Enxeñaría Industrial, Álvarez cursou o grao en Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática; seus compañeiros, o grao de Enxeñaría en Organización Industrial. A iniciativa Vi&Go pon enriba da mesa unha innovadora solución de carga, monitorización e xestión de baterías de microvehículos eléctricos de dúas ou tres rodas, é dicir patinetes, bicis, motos, etc.

 

Fonte: DUVI