A Universidade únese, un ano máis, á celebración da Semana Internacional do Acceso Aberto

Vigo TecnolóxicoActualidadeA Universidade únese, un ano máis, á celebración da Semana Internacional do Acceso Aberto

Con dúas mesas redondas os días 25 e 27 en Miralles sobre recursos educativos e ciencia aberta

Do 24 ao 30 de outubro celébrase a Semana Internacional do Acceso Aberto, unha iniciativa anual que busca fomentar a dispoñibilidade en liña da información científica e académica de xeito gratuíto e baixo licencias que permitan o seu uso sen limitacións económicas, legais ou tecnolóxicas. Este ano o lema é Aberto para a Xustiza Climática e ten como obxectivo concienciar sobre como este tipo políticas poden axudar na procura dunha xustiza climática. A Universidade de Vigo, un ano máis, únese a esta celebración cun programa de actividades que inclúe a presentación do informe O acceso aberto na Universidade de Vigo e dúas mesas redondas programadas pola Biblioteca Universitaria en colaboración coa Vicerreitoría de Investigación no marco da estratexia de persoal investigador (HRS4R).

O acceso aberto, en auxe na UVigo

O informe sobre o acceso aberto na UVigo foi elaborado con datos obtidos da Web of Science (WOS) e constata que na institución viguesa a publicación de documentos baixo esta premisa logra a maior subida nos últimos anos. O 63,58% do total dos documentos da Universidade  dispoñibles na WOS están en aberto, o que representa 13 puntos máis que no ano 2020.

Ademais, o informe tamén constata que a porcentaxe de citas obtidas polos documentos en acceso aberto con respecto ao total de citas recibidas polas publicacións da UVigo indexadas en WOS no 2021 é de 71,03%, o que corrobora o impacto e visibilidade dos traballos en acceso aberto. Por outra banda, o estudo tamén recolle a tendencia ascendente no número de artigos publicados en revistas Gold-Hybrid na maior parte das editoriais coas que a Universidade de Vigo ten algún tipo de acordo ou desconto para o pago por publicar.

O informe completo poderase consultar a partir do venres na páxina web da Semana do Acceso Aberto.

Mesa redonda sobre os recursos educativos abertos e os ODS

A programación deseñada pola Biblioteca Universitaria arrancará o martes 25, cunha xornada sobre a contribución dos recursos educativos abertos ao logro dos ODS da Axenda 2030. A cita será no edificio Miralles e tamén se poderá seguir en directo a través da canle 2 de UVigoTV entre as 11.00 h e as 12.00 h.

A mesa redonda, aberta tanto ao persoal docente e investigador e persoal bibliotecario como a calquera persoa interesada nestas temáticas, contará coa intervención de Brigit Nonó Rius, xefa da Unidade de Desenvolvemento de Proxectos e Comunicación da Biblioteca da Universitat de Girona; Sergio Luján-Mora, catedrático de Universidade do Departamento de Linguaxes e Sistemas Informáticos da Universitat d’Alacant e Gerardo Marraud González, director da Biblioteca Universitaria da UVigo.

As e os convidados analizarán o papel dos recursos educativos abertos, materiais que se atopan en dominio público ou que foron publicados con licenzas abertas que permiten o seu uso, adaptación ou distribución respectando a autoría. Segundo a Unesco, este tipo de ferramentas favorecen unha educación de calidade, equitativa, inclusiva, aberta e participativa, o cal coincide coa meta 4.3 da Axenda 2030. Moderará o debate María Isabel Doval, vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade da Universidade de Vigo.

Mesa redonda sobre as políticas de ciencia aberta 

Na xornada do xoves 27 a temática elixida serán as políticas de ciencia aberta en Europa, España e América Latina. A cita será de 12.00 a 13.30 h a través da canle 2 de UVigoTV coa participación de Pilar Rico Castro, xefa da Unidade de Acceso Aberto, Repositorios e Revistas da FECYT; Javier López Albacete, Policy Officer na Unidade de Ciencia Abierta da Dirección Xeral de Investigación e Innovación da Comisión Europea e Eduardo Aguado López, sociólogo e investigador da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade Autónoma do Estado de México (UAEM). O debate será moderado por Ana Bernabeu Tello, directora da Área de Investigación da UVigo e abordará os desafíos e oportunidades que supón a ciencia aberta para o PDI e para as institucións, así como as novidades nas políticas de ciencia aberta no ámbito nacional e a reforma do sistema de avaliación da investigación que propón a Comisión Europea. Tamén se analizará o modelo latinoamericano de financiación pública para as revistas, o acceso aberto diamante. Serán así tres perspectivas que ofrecerán unha visión panorámica sobre as políticas actuais de ciencia aberta e as súas implicacións na transición a este novo paradigma de comunicación científica.

O compromiso editorial do Servizo de Publicacións da UVigo

Á celebración desta Semana do Acceso Aberto tamén se une o Servizo de Publicacións da Universidade que, dende 2018, decidiu poñer en marcha para as novas publicacións do seu catálogo un sistema mixto que mestura a publicación en papel co espazo aberto gratuíto. Así, transcorridos 18 meses desde a posta en circulación dos exemplares físicos, as obras publicadas pasan a comunicación pública baixo unha licenza Creative Commons. Os volumes pódense consultar en acceso aberto gratuíto a través do Catálogo de libros. Ademais, o Repositorio institucional Investigo enlaza estas publicacións para darlle unha maior visibilidade e garantir o seu acceso e preservación a longo prazo. Deste xeito, destaca o director do servizo, Jorge Luis Bueno, “as publicacións aproveitan a súa vida ao máximo”.

No que atinxe ás revistas científicas e dada a natureza da investigación, recoñece Bueno, “non tiña sentido manter o papel, por iso Revistas Uvigo constituíuse como a páxina web oficial do Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo que aloxa as revistas que edita o servizo en formato electrónico aberto co sistema Open Journal System”. A día de hoxe, destaca o seu responsable, “temos nove revistas de diferentes ámbitos de coñecemento que achegan a súa investigación científica á sociedade dun xeito efectivo e rápido”. De feito, das 7966 descargas rexistradas en 2019, pasouse ás 55148 deste 2022, cifra que para nove revistas “nos fai mirar cara o futuro con certa tranquilidade”.

En resumo, Jorge Luis Bueno destaca que “este modelo é o que nos permite decididamente facer máis con menos. Apostamos con claridade polo futuro da ciencia aberta sen esquecer a utilidade do libro impreso. Non podemos ter mellor forma de transferir á sociedade o noso coñecemento”.

 

Fonte: DUVI