A Escola de Enxeñaría Industrial participa no proxecto transfronteirizo NovaTFE

Vigo TecnolóxicoActualidadeA Escola de Enxeñaría Industrial participa no proxecto transfronteirizo NovaTFE

Unha vintena de persoas fórmanse na Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense en ‘design thinking’ e fabricación dixital

O proxecto NovaTFE (Novas Oportunidades de Negocio para Pemes Baseadas en Tecnoloxías Facilitadoras) aposta por fomentar novos modelos de negocio arredor das tecnoloxías facilitadoras esenciais, especialmente as vinculadas á fabricación avanzada (fabricación aditiva e fábrica 4.0) e TICs (fábrica 4.0, Internet das cousas e cidades intelixentes). No marco da súa programación, desde o pasado día 5 e ata o 15 de setembro desenvólvese na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, socia do proxecto, un programa formativo no que unha vintena de persoas adquiren coñecementos sobre design thinking e fabricación dixital.

En NovaTFE participa un equipo multidisciplinar da Universidade de Vigo formado por investigadoras e investigadores da Escola Superior de Enxeñaría Informática, das facultades de Dereito e Ciencias Empresariais e Turismo e da Escola de Enxeñaría Industrial. Ademais da institución académica, son socios a Mancomunidade de O Salnés (líder da iniciativa), o Concello e a Deputación de Ourense, a Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia e a Câmara Municipal de Valença (Portugal). O orzamento total deste proxecto de cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal Interreg Poctep alcanza os 811.200 euros, contando con 762.874,50 euros de financiamento Feder, dos fondos europeos de desenvolvemento rexional.

Dentro da programación de NovaTFE está o desenvolvemento do proxecto formativo Tecnoloxías Facilitadoras Esenciais. Design Thinking e Fabricación Dixital, organizado e financiado pola Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia. A iniciativa, indican desde a súa organización, xorde co obxectivo de fomentar a innovación, o desenvolvemento tecnolóxico e o achegamento ás novas tecnoloxías facilitadoras no eido da fabricación dixital. Especialmente dirixido a persoal de pemes e a emprendedoras e emprendedores, a actividade “propón unha visión empresarial e industrial dos procesos de innovación encadrados na metodoloxía design thinking e das aplicacións de tecnoloxías como a impresión 3D, o escanado ou a mecanización CNC”. A actividade no campus de Ourense, que consta de 50 horas de formación presencial e é gratuíta, dá continuidade a outra celebrada o pasado mes de agosto no Laboratorio de Experimentación e Prototipado NovaTFE do Salnés, en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

Dous bloques de contidos

O programa formativo, que ten lugar do 5 ó 15 de setembro en Ourense e está xestionado pola empresa Captioma, está dividido en dous bloques, impartidos por especialistas en cada área desde una perspectiva principalmente práctica e experimental. A idea, sinalan desde a organización, é tratar todos os contidos desde un punto de vista tamén empresarial, por parte de persoas experimentadas e que traballan día a día aplicando as metodoloxías e tecnoloxías abordadas nas sesións. O primeiro bloque céntrase no design thinking e desenvolveuse ao longo da semana pasada. Nas sesións abordáronse aspectos como a creatividade e a innovación; as tecnoloxías de fabricación dixital para innovar; o design thinking; o story telling e o testeo e prototipado. O segundo bloque, que se desenvolverá ao longo desta semana do 12 de setembro, centrarase na fabricación dixital, afondando concretamente na fabricación aditiva; o mecanizado e CNC e casos de uso industrial das tecnoloxías propostas.

As e os formadores que participan nas sesións son especialistas que proveñen de diversos puntos de Galicia e do territorio peninsular e que desenvolven a súa actividade especializada en contextos industriais onde se implementan estes procedementos e tecnoloxías. Pola súa banda, a vintena de persoas inscritas, explica Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, é diverso en idades, formacións e ocupacións, abranguendo desde estudantes ou persoas emprendedoras ata persoal de empresas do eido da innovación.

 

Fonte: DUVI