Investigadores de atlanTTic reciben un premio no European Interdisciplinary Cybersecurity Conference

Vigo TecnolóxicoActualidadeInvestigadores de atlanTTic reciben un premio no European Interdisciplinary Cybersecurity Conference

O premio internacional recoñeceu un proxecto que axuda ás forzas de seguridade a xestionar grandes cantidades de contido multimedia

Un traballo sobre ciberseguridade acaba de valerlles aos investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (atlanTTic) Alberto Pedrouzo Ulloa, Fernando Pérez González e David Vázquez Padín, un premio internacional no congreso EICC (European Interdisciplinary Cybersecurity Conference). Os tres expertos do Grupo de Procesado de Sinal en Comunicacións (GPSC) obtiveron o galardón na categoría póster polo traballo Secure Collaborative Camera Attribution.

O evento, que se celebrou este mes en Barcelona, está consolidado internacionalmente como un punto de encontro entre académicos e profesionais da ciberseguridade de toda Europa. Nesta cita, a investigación dos especialistas da Universidade de Vigo foi a seleccionada polo xurado como mellor póster, entre un total de nove traballos aceptados nesta categoría. O seu traballo, que foi moi ben valorado polos revisores do congreso, aborda os retos aos que se enfrontan os corpos de policía e axencias de seguridade que teñen que manexar nas súas investigacións unha cantidade de contido multimedia cada vez maior. Neste contexto, como explica Alberto Pedrouzo Ulloa, autor principal do artigo, “unha adecuada colaboración entre os distintos organismos é fundamental” pero, en moitos casos, “o contido dixital forense é especialmente sensible en canto a súa privacidade, o que limita de forma importante o intercambio frutífero de información, especialmente no caso de investigacións transfronteirizas”.

Como solución, os investigadores de atlanTTic propoñen unha infraestrutura federada que permite a organismos independentes explotar de forma conxunta información forense multimedia, respectando ao mesmo tempo a privacidade dos datos considerados, que en todo momento se atopan cifrados no caso de que teñan que deixar o seu organismo de orixe, como en investigacións transfronteirizas.

Pedrouzo Ulloa, que foi o encargado de presentar este traballo no congreso, explica que a súa proposta exemplifica “o uso desta infraestrutura federada no problema de atribución de cámara, no que o obxectivo das investigacións forenses é coñecer con que cámara se obtiveron as imaxes, pero buscando preservar en todo momento a privacidade dos datos forenses pertencentes a organismos independentes”.

Unha liña de traballo iniciada hai anos e con varios recoñecementos

Pedrouzo Ulloa, que agora está realizando unha estancia de investigación de dous anos no centro CEA-List, da Universidade Paris-Saclay, grazas a unha axuda Margarita Salas da UVigo, explica que esta é a primeira vez que o seu grupo presenta un artigo a este congreso internacional de ciberseguridade, unha cita que se distingue por buscar o diálogo entre as ciencias da computación e investigacións de outros ámbitos científicos relacionados coa ciberseguridade, como as ciencias do comportamento, a socioloxía, a criminoloxía ou o dereito, incentivando a presentación de traballos cun marcado carácter interdisciplinar. De feito, como sinala o investigador da UVigo, o artigo premiado segue unha liña xa iniciada hai varios anos na que buscan combinar dúas tecnoloxías diferentes que desenvolven no Grupo de Procesado de Sinal en Comunicacións. “A nosa intención é buscar novas solucións innovadoras e disruptivas respecto a problemas con impacto social”.

Os traballos desenvoltos polo GPSC neste eido xa lles valeron nos últimos anos outras distincións e premios, tanto en congresos nacionais como internacionais, como os recibidos nas Jornadas Nacionales de Investigación en Ciberseguridade en xuño de 2021 ou no IEEE Workshop on Information Forensics and Security en 2019. Tamén no ano 2021 recibiron o recoñecemento da Real Academia Galega de Ciencias por un traballo relacionado, pero máis centrado na protección da información fronte a ordenadores cuánticos. Tanto estes recoñecementos previos como o galardón que acaban de obter no EICC, recoñece Pedrouzo Ulloa, “anímanos a seguir avanzando e explorando esta liña de investigación”.

 

Fonte: DUVI